Manuel Portas: “Este país non se pode permitir o luxo de que os sectores máis avanzados sexan fagocitados pola moda do momento”

EntrevistaManuel Portas de Carme Vidal a Manuel Portas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): En Amor en alpargatas a morte do protagonista convida a facer balance da súa vida, un nacionalista ex-militante en Compostela. Algunhas referencias, lugares, momentos… son identificábeis, que toma da realidade para construír a súa novela?
– Manuel Portas (MP): A literatura pode ser, como o cine, de ciencia ficción ou máis apegada á realidade, máis verosímil. A novela non corresponde a unha biografía concreta nin era iso o que se pretendía, agora ben, hai elementos que soan a realidade porque estamos a falar dun país concreto, dunha xeración precisa -dez anos por riba do meu tempo- e cunha experiencia vital nese mundo nacionalista que pode ter detalles tirados de biografías diferentes, sen ser ningunha existente. (…)
– SG: “Non hai tempo para o orgullo. O país non pode agardar por feridas particulares. Vaille a vida.”, escribe na novela. Que hai do autor nesa confesión do protagonista?
– MP: O que expresa ese monólogo o protagonista en solitario na súa casa é unha reflexión moi estendida no mundo nacionalista, en persoas que están desactivadas e ven o que está a pasar con ollos perplexos. Sen vontade de se converteren en elementos activos, a distancia das estruturas organizativas e o paso do tempo fan que se sexan, en certa medida, observadores privilexiados que se preguntan cal é o futuro e non tanto do nacionalismo senón do pais. Nese punto de vista cuestionen tamén o nivel de irresponsabilidade que fai que, nun momento tan crucial para a historia, sigamos a discutir polos marcos das leiras. Xa non vale aquilo de “xa o diciamos nós”, a tal altura é miope e non contribúe a nada. Compre moito diálogo e este país non se pode permitir o luxo de que os sectores máis avanzados podan ser fagocitados pola moda do momento. (…)
– SG: Catro novelas e, polo que vexo, moitos proxectos na cabeza. Demorou mais, é mostra da ansia que tiña de se converter en escritor?
– MP: Un está todo o día creando, en cada mirada, en cada situación, nalgunha pequena noticia do xornal aparecen historias que tiran, ás veces impresionantes e con protagonistas anónimos que son mesmo superiores literariamente á propia narrativa. A literatura está demasiado chea de figuras e a xente normal ten dereito a verse reflectida nas obras. Cotián e anónimo non significa vulgar. Cada historia ten un prisma, un olor, un sabor, que a fai diferente e o reto está en captar eses recendos particulares. (…)”