Ramón Caride: “Se fose estadounidense escribiría series de televisión”

EntrevistaRamón Caride de César Lorenzo Gil a Ramón Caride en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): É noticia ver un autor coma vostede, consagrado, habitual nas grandes editoras, publicando nun selo pequeño e relativamente novo como Urco. Teño entendido que foi vostede quen lle ofreceu á editorial o proxecto Flash-Black 13.
– Ramón Caride (RC): Certo. Son lector e comprador de Urco, unha editorial que me parece moi interesante, un proxecto de autoxestión, cunha imprenta propia, cunha filosofía orixinal nas letras galegas: achegar o libro aos novos; que non renuncia á súa identidade un tanto freaky, leais ao idioma galego. A miña simpatía con eles ten a ver tamén coa miña propia vivencia. No Ourense da década do 1980 eu curtinme como veterano do activismo cultural. Paréceme de seu que este libro, que entra dentro dos seus temas centrais: a literatura fantástica e a ciencia ficción, apareza nas súas coleccións. (…)
– B: Vostede defende e cultiva os xéneros literarios populares, os que buscan entreter: novela policial, fantástica… Mais a día de hoxe a audiencia deses contidos non está algo afastada dos libros? Non compiten polo mesmo público que o cinema, os videoxogos ou as series de televisión?
– RC: Se eu fose estadounidense, escribiría series de televisión. O que pasa é que en Galicia temos un gran déficit de formatos de expresión, especificamente os audiovisuais. Sempre digo que se a literatura popular feita en galego, a que se escribe para chegar a públicos habitualmente non compradores de libros no noso idioma, tamén fracasa na conquista do público é porque utiliza formatos desfasados. Esa narrativa non é patrimonio do libro, debería existir noutras formas, noutras canles. Non é lóxico que teñamos un canal de televisión propio, público, que emite en galego, e case non se fagan series pensadas para a xente nova. Na última edición da revista Tempos Novos publícase un traballo moi interesante sobre as series da Galega. O PP intentou desde o primeiro día rematar coa serie Matalobos,a pesar de que conseguía boas cifras de audiencia. Por que? Porque non encaixa nun sistema de valores que unicamente busca a satisfacción das capas de maior idade de Galicia. De aí que se espreman os formatos decimonónicos, antiquísimos de Padre Casares ou Pazo de familia. Paréceme unha pésima idea afastar o público novo da TVG a mantenta.
En canto ao debate de se a literatura de xénero, a popular, ten vixencia, coido que a pesar de todo, si. A literatura segue a ser a base de todos eses contidos. As ideas prenden mellor sobre o papel; o ideal sería que logo outros as retomen e as adapten a outras linguaxes. (…)
– B: Aínda que na súa bibliografía hai moitas novelas, o relato é un dos seus formatos preferidos. Vostede ten reflexionado incluso sobre o proceso creativo. Escoiteino dicir que o ideal do relato curto é que tanto na lectura coma na escritura responda a un acto único, que empeza e acaba sen interrupcións.
– RC: É certo. O relato ten que funcionar como unha unidade de redacción e de lectura. Outra característica fundamental é que o relato ten un antes e un despois que non coñecemos, de aí a súa intensidade. O relato é o chispazo da literatura. Ao contrario do que pensan moitos creadores e críticos, para min é a novela a que ten que inspirarse no relato: unha boa novela é aquela que consegue imitar esa intensidade do relato, que se vai sucedendo a base de episodios que conseguen manter o lector preso porque en cada páxina hai esa chispa da que falaba. Para min, o maior pracer da literatura é porse a escribir un relato, cando sabes que todo o que elucubraches no deseño previo se mestura con ese pouso irracional que non tiñas previsto e queda o resultado sobre o papel: cando sabes que o texto xa está, xa existe.
– B: Vostede é un dos veteranos das letras galegas contemporáneas, cunha ampla obra detrás. Como se sente tratado pola crítica?
– RC: Depende. Coido que a xornalística me trata habitualmente ben; a académica penso que se achega á miña obra con preconceptos. En xeral, esa crítica “a longo prazo” tivo unha relación comigo baseada en dous conceptos: un é responsabilidade miña, xa que ao cultivar determinados xéneros que non estaban de moda para a crítica canónica, pois as miñas obras acabaron maltratadas. A visión da crítica ás veces é limitada, néganse a apreciar nada literario en determinados xéneros ou temas. Outro factor ten a ver coas relacións persoais, que eu non cultivo especialmente nese ámbito. (…)”