Manuel Portas: “Non creo que a creación teña que se submeter á función pedagóxica horaciana”

EntrevistaManuel Portas de Montse Dopico a Manuel Portas en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Como a túa novela anterior, Faneca Brava, este novo libro, Amor en alpargatas, ten moito de historia familiar. Mais desta volta parece que de fondo están os problemas do nacionalismo. Era ese o tema ao que querías apuntar? Por que neste momento?
– Manuel Portas (MP): Certamente hai un marco familiar ao que pertencen varios dos personaxes principais, mais non só. Ora, non creo que se trate da historia dunha familia ao estilo da que podiamos encontrar en Faneca Brava, unha especie de xogo sinfónico do clan familiar como marco humano da acción narrativa, senón de historias de amor entre individualidades que se entrelazan.
A contorna nacionalista é o pano de fondo, non é a materia da novela. Non é unha obra de temática política. A biografía dos personaxes protagonistas está situada nese contexto humano e histórico. Pertencen á xeración daqueles mozos e mozas que iniciaron a súa actividade política nos estertores do franquismo e os primeiros tempos da transición. Foron quen lle deron forma ao primeiro nacionalismo organizado da nova etapa que se abría, coas súas grandezas e as súas miserias, os que fraguaron unhas estruturas que herdamos no seu momento os que pertencemos a xeracións posteriores.
Por outra parte, como ben sabes, o momento de edición dunha novela non se corresponde co momento en que termina a súa creación. Amor en alpargatas foi escrita hai moito máis dun ano e a data da súa saída ao mercado depende dos lóxicos calendarios editoriais.
– MD: Non deixa de ser tamén unha historia de afectos náufragos, que tamén estaban bastante presentes en Un dedo manchado de tinta ou en Faneca Brava. Aínda que a nova novela non é coral, como as anteriores. Que teñen en común e en que se diferencian?
– MP: Pois non o sei ben, a verdade. Poida que en Denso recendo a salgado e n’Un dedo manchado de tinta houbese máis protagonismo desa colectividade coral que constitúe o mundo dos personaxes. En Faneca Brava, pese á importancia do ser colectivo, e sobre todo en Amor en alpargatas, os protagonismos individuais teñen moita máis presenza. Penso que o xogo das temporalidades e dos puntos de vista cambiantes si son algo que teñen en común. (…)”