Alberte Momán: “Á maioría das novelas galegas sóbranlles moitas páxinas”

EntrevistaAlberte Momán de César Lorenzo Gil a Alberte Momán en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Nesa busca de novos formatos, vostede é un dos escasos (coido que o único) cultivadores do xénero da micronovela. Fáleme dela.
– Alberte Momán (AM): Cando inicio o proceso de reflexión sobre a literatura actual encóntrome con que determinados modelos tradicionais de narrativa xa non son útiles para determinados momentos de lectura. En Galicia, incluso en España, non é común o que si o é, por exemplo, no Reino Unido, onde ves como triunfan best-sellers de baixo prezo, de tapa branda, fáciles de dobrar, co tamaño axeitado para meter no peto ou ler cunha man… Son libros pensados para ler “en tránsito”, son libros para ler mentres se agarda… na parada do transporte público, a que te atenda o médico… Neses momentos se un quere ler non parece o máis indicado pórse co Ulises, de James Joyce; a lectura compite co whatsapp, ten que ser concisa, sinxela, ir ao importante da historia pero ao mesmo tempo debe ter intensidade, forza suficiente para engancharte. Cada palabra, cada adxectivo, cada diálogo, teñen unha importancia fundamental. Os argumentos non poden reducirse a simples repeticións pero tampouco a elucubracións intranscendentes ou aburridas. Deben ser historias con referencias populares, se for necesario alleas á propia literatura, en harmonía cos gustos e hábitos da xente común, con gran peso da imaxinación.
Ese formato alixeira os textos, reduce páxinas, libra o lector de toda a palla, favorece que o diálogo entre creador e lector sexa máis equilibrado, permítelle a quen le acabar de construír o discurso coa imaxinación. É un xénero máis maduro, pensado para lectores adultos que non queren todo o texto mastigado. Estou canso de ler novelas galegas que teñen un exceso de páxinas, que se nota que se constrúen coa intención de conseguir determinada extensión custe o que custe. A micronovela afórralles iso, tanto ao escritor coma ao lector: non hai espazo para o recreo porque en realidade non fai falta. (…)
– B: As súas micronovelas seguro que teñen engádegas a este modelo.
– AM: Loxicamente, as miñas propias ideas sobre a literatura. A primeira que escribín foi Vattene! (Q de Vian Cadernos), onde quixen amosar o surreal. É un texto influído polo dadaísmo que investiga sobre as persoas atormentadas. Hoxe vivimos nunha gran frustración que se converte en moitas veces en violencia; non falo só da violencia física, que aparece ás veces, senón nunha violencia habitual, que recibimos e exercemos constantemente na rúa, cando un coche non para nun semáforo, cando alguén se coa na fila do supermercado. Quixen mostrar ese estado á miña maneira, de aí que utilice determinados recursos coma o xénero fantástico ou de aventuras. N’O legado extraterrestre (El Círculo Rojo) esa relación amplíase aos relatos de superheroes. Superman e Robin son protagonistas, ou mellor dito, antagonistas de Circe e Penélope, que se encargarán de pór ao descuberto esa masculinidade parcial que os frustra. En todos os meus libros a expresión ten unha función política, non pedagóxica pero si cunhas pegadas ideolóxicas que procuran servir para a transformación social a través do discurso cultural. (…)
– B: Dicíame que está canso de certa novelística galega, só polo exceso de páxinas?
– AM: Estou farto da meirande parte do que se publica porque estou farto dun sistema literario que promove unha forma de escribir pensada para alumnos de secundaria cunha perversión engadida: trata eses lectores adolescentes coma se non fosen ben de xeito que ao final practicamente todo o que se publica trata os lectores coma se non fosen ben. Cómpre reaccionar, encontrar unha alternativa ou quedaremos sen xente que lea en galego porque a ninguén lle gusta que o tomen por parvo. E con isto non digo que eu encontrara a fórmula perfecta pero coido que hai que experimentar, buscar novos xeitos. Aínda que fracasemos, aínda que teñamos que volver empezar. O que non podemos permitirnos é seguir a perder lectores. (…)
– B: Vostede é responsable de dúas editoriais, O Figurante e Emerxente. Cales son as diferenzas? Por que precisou crear dúas plataformas?
– AM: No Figurante publico aquilo que me dá a gana. Podería inventar algunha teoría para explicar un suposto programa editorial pero esoutra é a pura verdade. É un selo tremendamente persoal.
Emerxente nace logo de decatarme de que había determinados textos que me chegaban que non tiñan oco no Figurante. Quería darlles saída a libros que me parecían de certo interese. A relación do editor cos escritores coido que pode lograr a longo prazo obras de valía. (…)”