Entrevista de Antón Escuredo a Alberte Momán en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Desde 2003 e até a data ten publicado 20 obras de poesía e 23 de narrativa. Sería o que chamaríamos un escritor prolífico. Cal é a razón desta esta “voracidade” literaria?
– Alberte Momán (AM): Acompaño normalmente a escrita con lecturas e elas proporciónanme principalmente preguntas que me fago a min mesmo. Son bastante obsesivo en moitos aspectos e tendo a buscar respostas. Para consolidar esas respostas ou esas reflexións nas que vou caendo segundo vou lendo necesito plasmalas nalgún sitio. Así, parto inicialmente de pequenos bosquexos, frases ou parágrafos que vou recompilando e que despois podo enlazar. En moitos casos remata por ser unha historia ou un libro de poemas. O que me conduce a escribir, basicamente, é a obsesión.
Por outra parte, as miñas novelas son “micronovelas”. Son breves, rara vez chegan ás 100 páxinas, nunha liña moi próxima ao Pulp clásico. Con todo, tento darlles un pouco máis de contido, de reflexión que no Pulp que conta con obras normalmente lixeiras e bastante mal escritas. As miñas novelas tenden ás denominadas “psychobilly” con acción constante e dándolle unha volta aos heroes clásicos da literatura e da banda deseñada.
– ND: Comentou nalgunha ocasión que a súa primeira lectura foi unha obra de Neira Vilas. Que está lendo na actualidade?
– AM: Agora mesmo estou lendo principalmente ensaio. Empecei coas obras de Mark Fisher e seguín con June Fernández. Neste último caso interesoume o tratamento do feminismo desde distintas perspectivas, na liña do que eu estaba facendo. Tamén achegueime a Jean Baudrillard. Son a influencia que teño agora mesmo principalmente na miña poesía. Iso si, fago é unha revisión propia e moi persoal dos seus textos.
– ND: E que temáticas ten agora mesmo na cabeza que poderían rematar nun libro?
– AM: Hai dúas que me viñeron obsesionando nos últimos meses. Por unha parte o desexo visto desde o punto de vista do filósofo francés Deleuze de como inflúe na nosa forma de actuar, na nosa actitude vital, e como mesmo pode acabar actuando en contra dos nosos propios intereses individuais ou incluso como sociedade. E despois, por outra parte, está o tema do silencio desde o punto de vista de Foucault. De como o silencio responde aos intereses do poder. Ademais, reflexiono sobre o tema do simulacro, de Baudrillard. Ese outro eu virtual, ese “matrix” no que estamos inmersos por crear un ser virtual que, en teoría, chega a representarnos. (…)”
Arquivos da etiqueta: Alberte Momán
Negreira: conversa literaria arredor da obra de Alberte Momán
Conversa literaria arredor da obra d Alberte Momán, en Negreira
Negreira: IV Encontro poético en galego
IV Encontro poético en galego, en Negreira
Acta da reunión do xurado do XXII Certame Literario Concello de Ames
Acta do XXXVIII Certame de Poesía Rosalía de Castro de Cornellà
O Corgo: presentación de Raro, de Alberte Momán
O 15 de decembro, ás 19:30 horas, no Punto de Atención á Lectura do Corgo terá lugar a presentación de Raro, de Alberte Momán, publicado por Belagua. A actividade está organizada polo Proxecto Corgoral.
Alberte Momán: “Cos anos aprendín que ese lector perfecto que todos temos en mente non existe”
Entrevista a Alberte Momán en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Que vai atopar o lector en Raro?
– Alberte Momán (AM): Trátase de relatos que escribín durante un período moi longo de tempo, case dúas décadas, e o que quero é mostrar unha evolución. Cando se intenta crear un estilo propio, que sexa identificable polas persoas que se vaian achegar ao libro, non é dun día para outro; é un proceso no que o autor vai evolucionando e cambiando a súa forma de contar, os temas que trata ou o enfoque co que os trata… Se isto se fai a través dunha compilación de textos de distintas épocas, a evolución pódese apreciar mellor. E iso é o que quería: como foi mudando a forma de narrar, os temas, os aspectos nos que me fun centrando, os xéneros… E todo desde un punto de vista máis reflexivo. Ao comezo deixaba que o lector puidese intuír, pero despois fun elaborando máis un discurso e sendo un pouco máis explícito.
– DF: Nese proceso, e aínda que cadaquén camiña cara a onde quere, hai algo que bota de menos daquel rapaz de hai dúas décadas?
– AM: Pérdese esa espontaneidade, esa inmediatez, esa urxencia de cando se é máis novo, esas ganas de demostrar… Tamén é certo que a evolución se debe a moitos aspectos, como a miña propia bagaxe, que loxicamente foi medrando coas lecturas que me foron enriquecendo, pero tamén a miña relación coas persoas que me lían… Eu pensaba que todo o mundo me entendía (ri) e que ía ver o mesmo ca min, é dicir, ese lector ou lectora perfecto que todos temos en mente, pero que non existe, e ata que nos damos de conta de que non existe estamos convencidos de que a nosa forma de contar é universal e extraordinaria. Decateime de que non (ri): que a miña forma de contar non era o que eu pensaba que era. Todo ese ideal fóiseme perdendo polo camiño… Se boto algo en falta? Non, pero é certo que o que si me gustaría é ter a bagaxe que teño agora naqueles anos para detectar antes os erros que cometín ou aquela falta de comunicación co lector ou lectora. Con todo, a evolución foi positiva e, como tal, non acaba nunca. (…)”










