Casas literarias: Gonzalo López Abente

casa-gonzalo-lopez-abenteDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agonaiba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxenme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…
Quen así escribiu foi o poeta Gonzalo López Abente nunha carta que enviou ao seu curmán Horacio Bermúdez Abente. Porén, malia nacer naquela antiga casa do Cabo da Grixa, o que foi o seu lar vivencial de sempre está radicado na rúa Virxe da Barca, que é o lugar onde escribiu boa parte da obra poética e onde nos deixou.
casa antiga lopez abenteA vivenda, hoxe reformada, en tempos tivo unha única altura. No andar de baixo estaba o despacho no que escribía o poeta. Na parte de riba, unha pequena bufarda que daba remate ao inmoble, hoxe desaparecida, pois eliminouse para construír unha segunda altura, o que lle fixo perder parte do antigo encanto.
Na beirarrúa, xunto á porta da casa, a Fundación López Abente colocou unha placa que a distingue como o lugar no que o poeta residiu decote. Alí viviu practicamente toda a vida, quitado o tempo no que estudou o bacharelato e a carreira en Compostela e algunha viaxe de mocidade a Francia, Bélxica e Holanda, pois, tras delas, regresou a Muxía, onde traballou como funcionario de banca.
A casa da rúa Virxe da Barca veu xurdir grande parte dos versos de D’outono (1924), Nemancos (1929), Centileos nas ondas (1958) ou Decrúa (1966) e relatos como O novo xuez (1922), Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929).
Na súa Muxía natal —na propia rúa Virxe da Barca, ben preto desta casa onde viviu—, ten a sede a fundación do escritor, constituída no 2010. Sita na Casa das Beiras, dende ela promóvese e difúndese a súa figura, amais de convocar un certame literario que leva o seu nome. (…)”