Con María Canosa, no club de lectura “Lendo no Galiñeiro” (IES Valadares)

DesdeMaría Canosa o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Visitou a escritora María Canosa o Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro” por mor da lectura do seu libro Druídas, que ocupou a atención de quen o conformamos nas últimas semanas. Foi esta novela a que centrou boa parte do encontro, desvelándose a dinámica interna da súa xestación, quer dicir, o proceso -ao que parece abondoso- de documentación e a súa plasmación na obra escrita de maneira que en boa parte o que hai nese libro se articulou, conscientemente, como unha porta aberta para acceder a outros espazos e coñecementos, suxerindo camiños, ofrecendo fíos para os que poder tirar. Un orixinal -confesou- que levaba tempo nunha gaveta e que, tras ese distanciamento, se decidiu a puír e de aí a dar o salto á editorial e ás mans do lectorado. Un libro pragado, por outra parte, de vivencias, de lecturas previas e do pouso de persoas que estiveron coa autora, algo que cifrou no feito de que “en todos os libros que escribo hai unha parte de min, do que son e do que non son”.
O diálogo, moi rico nesta ocasión, discorreu tamén pola presenza da mitoloxía no libro, do respecto á natureza e abriuse a outras obras da autora como Acuario ou Rubicundo, finalista do premio Merlín de literatura infantil. Tempo houbo tamén para que nos relatase a peripecia da publicación do seu primeiro libro (Bramido maino) no que algo tivo que ver Manuel Beiras, o que pode haber do avó de Druídas no propio avó da autora ou da concepción que posúe sobre a literatura infantil como reto persoal entre outros asuntos. Grazas á autora pola súa visita, tamén polo consello de non perder nunca a capacidade de se sorprender. No Club de Lectura nesas andamos. (…)”