Débora Campos: “Hai académicos traballando sobre temas galegos por todo o planeta”

EntrevistaDébora Campos de Carme Vidal a Débora Campos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que vai supor o XI Congreso Internacional de Estudos Galegos que terá lugar de Buenos Aires?
– Débora Campos (DC): Coma calquera outro congreso de especialistas nunha determinada disciplina, o XI Congreso Internacional de Estudos Galegos constitúe un encontro periódico no que un grupo de persoas expertas en áreas do coñecemento e do saber vinculadas cos Estudos Galegos, chegadas de todo o mundo (a quen demos en chamar galicianistas), presentarán as súas investigacións e traballos realizados nos últimos anos. Ao faceren isto, achegarán distintas ferramentas, conceptos ou puntos de vista, deste xeito abrindo novas vías e perspectivas de investigación para outras/os colegas. Do froito de todo ese movemento intelectual (e físico tamén), xurdirán novos temas, novas achegas, olladas distintas, perspectivas novas. Alén disto, 30 anos despois da fundación da AIEG en 1985, o congreso trianual da AIEG celebrarase por vez primeira en Bos Aires, unha cidade moi vinculada con Galiza e que por tanto estará presente en moitas desas investigacións que se presentarán. Por vez primeira, Bos Aires vai ser tema, contexto e escenario dos debates.
– SG: Que 121 relatores, maiormente da Galiza, participen no encontro que relevancia terá de cara ao futuro da situación dos Estudos Galegos?
– DC: O programa está dispoñíbel nesta páxina. Nel pode verse como non é certo que a maioría de relatores/as veñan de Galiza. Pero en calquera caso, o importante para os Estudos Galegos non é de onde veñen as investigadoras ou investigadores, senón a oportunidade que o congreso brinda para o diálogo académico.
Malia o contexto de recurtes na educación superior na nosa contorna, hoxe en día fanse Estudos Galegos en moitas universidades de Europa, Norteamérica, América Latina, países da Lusofonía, e mesmo en Oceanía. Cada tres anos a AIEG celebra un congreso, que como todos os congresos científicos, vai precedido dunha circular cunha chamada a comunicacións. Calquera estudosa/o pode enviar unha proposta, e logo o comité científico do congreso selecciona aquelas máis relevantes e invita ás/aos seus autores a que se matriculen no congreso e presenten esa proposta en forma dun relatorio académico no congreso. Doutra banda, como tamén é habitual nestes encontros científicos, existen conferencias plenarias a cargo de especialistas de renome (neste caso, un investigador galego e dúas investigadoras arxentinas) e teremos tamén participacións moi importantes en formas de ciclos de diálogos, nos que participan investigadoras de Nova Celandia, País de Gales, Estados Unidos, Arxentina, Brasil, etc., ademais doutras/os vidos de Galiza.
Os congresos da AIEG teñen sempre, en todas as súas edicións desde a súa fundación, a vocación de lle facilitaren un estrado internacional aos investigadores e investigadoras galegas, pero tamén de seren foro de intercambio con outros investigadores de todo o mundo que comparten o interese polos estudos galegos. Isto é fundamental de cara á proxección internacional dos Estudos Galegos. Haberá 121 relatores que deixarán oír a súa voz e que sementarán, nesta ocasión en Arxentina, o interese e a importancia dos estudos galegos no mundo. (…)”