Raúl Dans: “Parece que non es escritor se escribes teatro”

EntrevistaRaúl Dans de Carlos Loureiro a Raúl Dans en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Ti mesmo nesta última década de século decides dar un paso fundamental para o teu teatro: pasar de actor a autor. Foi dura esta decisión? E por que ter que emigrar (?) na procura dun maior afondamento na escrita deste xénero literario?
– Raúl Dans (RD): Daquela, no ano 1990, en Galicia non había onde formarse no eido da escritura teatral e cinematográfica. E case tampouco no resto do estado, a verdade. As publicacións tamén eran moi escasas. Os primeiros ensaios de David Mamet editáronse en España por eses anos. Merquei o volume Escrito en restaurantes estando en Barcelona, onde asistía ao Seminario de Dramaturxia Textual que impartía Sanchis Sinisterra na Sala Beckett e no que coincidín con Lluïsa Cunillé. Tamén asistín ao primeiro curso que Robert McKee impartía en España sobre guión cinematográfico. Aínda non sabía ben que ía facer coa miña vida nese momento, porque os papeis que me ofrecían para actuar no teatro non acababan de convencerme e eu necesitaba comprometerme de verdade cos personaxes que interpretaba. Por outro lado, había uns anos que me integrara no colectivo de profesionais da dobraxe na Coruña e aquel oficio apaixonábame. A dobraxe de películas e series satisfacía dalgunha forma os meus anceios de actuar e procurábame estabilidade económica. Entón Manolo Lourenzo faloume dunha convocatoria de bolsas para estudos artísticos da Deputación da Coruña e do seminario de Sanchis Sinisterra e… En fin. Máis ou menos, así foi a cousa.
– NG: E incidindo neste cambio, será que te decataches de que o que realmente perdura no tempo é especialmente o texto?
– RD: Si. Había tamén algo diso. Era desolador pensar en ter que actuar cada noite para que ao final todo esvaecese e cunha pouca de sorte quedase algo na memoria dos espectadores. Tamén había algo de vaidade, a vaidade da sinatura. E tamén desa vaidade que fai que penses que hai cousas por facer e que ti podes facelas. Pero sobre todo había, cada día máis, un medo incontrolable a subir ao escenario e enfrontarme ao público. Sabía que o teatro era a miña vida e necesitaba atopar unha forma de manter o meu vínculo coa escena. Escribir textos teatrais pareceume unha boa opción. (…)
– NG: Se a calidade dos textos teatrais en galego nada ten que envexar á existente noutros idiomas, que falta, que ten que ocorrer, para que esta calidade se vexa enriba dos escenarios?
– RD: Estréanse bos textos galegos, aínda que na meirande parte das ocasións teña que ser o propio autor quen monte a obra no seo da súa compañía teatral. Tamén ocasionalmente un autor sen compañía chega aos escenarios, pero non é o habitual. Cómpre máis apoio institucional, máis compromiso por parte das compañías subvencionadas. Aínda que está claro que non lle podes obrigar a ninguén a montar un texto que non lle gusta, tampouco se pode permitir que un dos piares fundamentais de calquera sistema teatral –o autor- permaneza na invisibilidade. (…)
– NG: A túa forte irrupción na autoría temos que situala na obra Matalobos. Espazo galego, temática puramente galega… e unha boa cantidade de personaxes… e premiada. Sentiches que a pasaxe de actor a autor estaba máis que xustificada? Por que esta temática, este espazo…?
– RD: Con Matalobos quixen escribir un western. A idea xurdiu en Barcelona, vendo unha reportaxe sobre caseiros galegos, unha xente que non tiña nada, nin a terra que traballaran durante décadas e mesmo xeracións. Pensei que alguén pode chegar a morrer e a matar loitando contra unha inxustiza tan grande. Así naceu Pedro Matalobos, o protagonista da obra. Seica durante a reunión do fallo do Rafael Dieste daquel ano -refírome a 1993, o ano que Matalobos recibiu o galardón-, un membro do xurado dixo que se notaba que o autor da obra mamara a vida no campo. Trabucábase. Pero ese comentario fíxome sentir verdadeiro orgullo, fíxome pensar que realmente si podía converterme en escritor, porque conseguira dar vida a un mundo que non era o meu. Pasados eses primeiros momentos empezaron as dúbidas. Por iso escribín a miña seguinte obra, Lugar: para disipar as dúbidas sobre as miñas capacidades como dramaturgo. E así sucesivamente. Con cada nova obra trato de quitarme da cabeza a idea de que en realidade non sirvo para isto. (…)”