María Canosa, 6 libros por ano

DesdeMaría Canosa La Voz de Galicia:
“Tempo de nacer e tempo de morrer; tempo de plantar e tempo de colleitar; tempo de laiarse e tempo de bailar; tempo de chorar e tempo de rir… A longa letanía sobre os tempos é un clásico do libro do Eclesiastés que segue a ser válida. Así, para María Canosa (Cee, 1978), «os tempos da escrita nunca se corresponden cos da edición». Un exemplo do que di é que no último ano a escritora publicou seis títulos, un deles en tres linguas distintas. Isto pasou porque fóronselle acumulando orixinais: «Vagalume de versos (Galaxia) levaba catro anos desde que foi aceptado na editorial e Druídas (Embora) publicouse aos poucos meses; cada un ten o seu tempo, todos acumulan retraso».
Canosa leva 21 libros publicados e parécelle pouco probable outro ano con seis títulos, un feito debido «non a que fose máis produtiva escribindo, senón publicando». Agora ten máis orixinais xa rematados, pero algúns non os quere publicar: «Son moi persoais, outros son poemas… Ás veces fago limpeza do que teño e desboto: necesito distancia de lectora para autocorrixirme e autocriticarme». A diversidade é unha das características destes seis títulos: «Son todos moi distintos», asegura. Así, Papá que son os sorrisos? (Galebook) «é o primeiro libro en formato dixital para min». É un álbum ilustrado por Dani Padrón que sae en dobre formato: papel e electrónico.
A filla da escritora protagoniza Ana xa chegou (Everest), «un álbum ilustrado tamén por Padrón que conta os primeiros pasos no mundo dun bebé, Ana, pero dende a óptica dun dos seis primeiros bonecos; foi case máis idea de Dani -cando viu o boneco da miña filla e gustoulle- que miña». (…)
María Canosa apunta algunhas claves creativas: «Escribo moito por impulsos, pero as historias non son tan impulsivas. Non preparo moitos guións porque os fago na cabeza, un guión moi esquemático… Non quero prescindir do que me vai pedindo a escrita». Agora pasou o tempo da publicación e volve o tempo da escrita.”