Xesús Constela: “Para min os heroes son esas persoas que xogan a vida no caiuco ou na valla por perseguir un soño que quizais non existe”

Entrevista Xesús Constelade Montse Dopico a Xesús Constela en Magazine Cultural Galego:
“Hai moitos Tommasos Bonanno polo mundo adiante, como o seu personaxe, explica Xesús Constela sobre Apoteose das perchas, a súa nova novela. Xente que imita as clases poderosas, que renega do seu pasado humilde coma aqueles que Celso Emilio denominaba “pequenos mequetrefes sen raíces”. O planeta está tamén cheo “de heroes artificiais, de salvadores de vidas e de salvadores de patrias que á mínima que os abaneas un pouco caen polo seu propio peso porque realmente carecen de entidade. Para min os heroes son esas persoas que xogan a vida no caiuco ou na valla por perseguir un soño que quizais non existe, esas mulleres que por fin deciden dicir acabouse e se afastan do home que as maltrata e as despreza, os raparigos que teñen que traballar á mesma idade en que todos nós xogabamos”. Diso, e doutras cuestións arredor dos seus libros, falamos nesta entrevista.
– Montse Dopico (MD): Tommaso Bonanno é un mendigo que odia os novos ricos. Que non vén precisamente da clase alta. Como xorde este personaxe, coas súas contradicións?
– Xesús Constela (XC): Tommaso naceu moito despois de que naceran as perchas e é froito da cidade de Nápoles, dun paseo por Via dei Tribunalli, sempre tan ateigada de vida. Foi coma unha iluminación: descubrín un soportal no que había unha pequena froitería e alí imaxinei un personaxe que trouxo todo o resto da historia consigo. É curioso, pero mentres escribía sentín a estraña sensación de que Tommaso estaba a me coñecer a min e non ao revés, coma se quixese encher de contido todas as súas contradicións. Se botamos unha ollada detida en torno a nós poderemos observar que hai moitos Tommasos polo mundo adiante, personaxes (e persoeiros) que non veñen das clases altas e poderosas pero fan crer que si, que renegan do seu pasado humilde coma aqueles que Celso Emilio denominaba “pequenos mequetrefes sen raíces”. Se nos convertemos niso estamos perdidos! (…)
– MD: As “perchas” son personaxes “que sosteñen roupas, que debaixo dos traxes e os vestidos non hai nada máis”. Son moi caricaturescos. Como xorden?
– XC: Apoteose das perchas naceu a partir deses cinco personaxes, desas cinco perchas, Emperatriz, Monarca, Folerpa, Tartaruga e Onofrio. Todo o demais veu detrás e foi o propio Tommaso quen se encargou de construírlles un escenario no Spirit of the Seas. Eu teño un blog, o ‘Tiñádelo que ver’, que antes actualizaba a diario (agora o Facebook acabou con el) e tiven unha categoría que se titulaba “relato en directo” no que pouquiño a pouco fun construíndo e deseñando as cinco perchas para facelas interactuar e que os visitantes opinasen. Moito tempo despois apareceu Tommaso e trouxo consigo todo o demais. (…)”