Entrevista de Carlos Loureiro a Vicente Araguas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E aquí tiveron que sufrir os derradeiros anos da ditadura franquista… Sentiu nalgún momento que era un exiliado máis cando se foi para Escocia?
– Vicente Araguas (VA): Non exactamente. Sentíame máis autoexiliado aquí, naquela ditadura noxenta. Fóra, con aqueles libros-libres, aquelas películas sen censura, os xornais críticos, a atmosfera nada viciada sentíame como peixe na auga. O malo fora voltar, co franquismo agonizante (pero non o sabíamos). (…)
– NG: Para os que estamos a convivir decotío coa nosa literatura, coa nosa lingua, é realmente moi significativo achármonos con persoas coma vostede (coma Manuel Pereira, Manuel Álvarez Fuentes…) que manteñen un compromiso rexo coa nosa lingua e coa nosa literatura fóra de aquí… Que dicirlles a moitos escritores e moitas escritoras galegos/-as que se deron a coñecer na nosa lingua e hoxe empregan maioritariamente a castelá?
– VA: Dirixiríame máis ben aos editores con anteolleiras, aos profesores que recomendan os libros dos amiguiños, aos escritores seitarios, aos partidos políticos que soamente se ocupan dos conmilitóns que escriben, dos que desprezan aos que fóra de Galicia levan/ levamos a bandeira lingüística e literaria, para que mudasen de actitude. Por aí, entendo, ese liscar de xente que sabe o que se ten entre mans. (Igual é que aqueles aos que me dirixo, desfrutan co que está acontecendo, non sei).
– NG: Tamén temos que dicir que cómpre salientar nas súas obras unha fonda retranca, unha retranca de noso, algo que fará moito máis atractiva a lectura e por outra banda moito máis aceda…
– VA: Esa retranca da que fala… Lévoa dentro, supoño, e por aí sae. Mais -procuro- con elegancia. Que é a que separa a retranca (a ironía) do sarcasmo. Así e todo fago por non ferir, o único que hai moito susceptible ceibo, xa se sabe.
– NG: Dicíanos antes que “son un romántico empedernido” e o tema do amor -incluso o erotismo-… ese tema si que vai ser algo moi destacábel, especialmente na súa lírica… unha lírica que non ía ser allea ao intimismo…
– VA: Pois claro que non. O amor, xa o dixen, é un motor esencial para todos, escritores ou non. Así que non invento nada (“O peso do mundo é o amor”, dixo Allen Ginsberg, e dixo ben). O outro tema é a morte, e por certo que se me dan moi ben as elexías igualmente. Imos por aí, pois. (…)”