Vicente Araguas: “Como dicía Unamuno, un fala do que ten máis a man, que é un mesmo”

Entrevista de Vicente Araguas en Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Como xurdiu o libro [O lugar onde vou]?
– Vicente Araguas (VA): Un día, nunha destas miñas andainas, aparecín aí nun bar en Cabalo Branco. Era verán e había sobre todo homes xubilados e tamén unha camareira na barra que ao parecer ao día seguinte comezaba as vacacións. Os paisanos querían saber onde ía ir, e ela todo o tempo dicía “o lugar onde vou”. Non quixo dicir o sitio. Alí pasaron cousas, unhas pasaron e outras invéntoas. O título vén precisamente de aí.
– DF: Pódese dicir que é un libro autobiográfico?
– VA: Non o é, pero si que recollo situacións, lugares e momentos que vivín… Desde Cabalo Branco a Xuvia-Neda, pasando por Roma, Santiago… Son os meus lugares recorrentes. É dicir, é un libro mixto, coas miñas referencias, escrito nun estilo realista, que é o que eu practico, aínda que ás veces salte un pouco tamén á fantasía. Hai tamén algún relato de terror e algunha referencia familiar, como ao meu tataravó, o Caldeireiro. É dicir, eu estou falando de toda a miña vida, como normalmente fai a xente, aínda que escriba literatura fantástica. Un fala, como dicía Unamuno, do que ten máis de man, que é un mesmo. Todos temos unha intrahistoria e a partir de aí vas elaborando, no meu caso coa axuda da observación. Eu son unha persoa bastante solitaria, pero a partir desa soidade é onde extraio esa compaña da xente do común.
– DF: É un chisco máis nostálxico que os anteriores?
– VA: Non creo. Nalgún relato aparece a historia e tamén me interesa a literatura de terror. Edgar Allan Poe e Lovecraft son dous dos meus mestres. En fin, que nos seus case quince relatos hai unha mestura, menos centrado xeograficamente que o meu anterior libro de relatos, Xuvia-Neda, aínda que eu non lle teño ningún medo ao local porque é o meu espazo. (…)”

Neda: recital poético e presentación da revista Olga

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola vila de Neda, guiado por Vicente Araguas

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Literario pola vila de Neda, que guiou Vicente Araguas o 28 de decembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí. Agradecemos a Copi Villaamil o seu envío.

Roteiro Literario pola vila de Neda, con Vicente Araguas

O Roteiro Literario pola vila de Neda, con Vicente Araguas é unha actividade da AELG desenvolvida co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Neda.

Este Roteiro, a cargo de Vicente Araguas, forma parte desta iniciativa da AELG que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria. O texto deste roteiro queda a disposición da cidadanía.
O roteiro terá lugar o 28 de decembro, a partir das 16:30 horas, tendo como punto de saída o adro da igrexa de San Nicolás de Neda. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas deben inscribirse previamente, de balde, no correo electrónico oficina@aelg.org
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento. Será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.