Entrevista a Sabela González

EntrevistaSabela González a Sabela González na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Sabela González (SG): Como lectora, a literatura é para min entretemento, evasión e xogo. Refírome ao xogo entendido como unha aprendizaxe de interacción co entorno, coma cando eramos pequenas. Como autora, non che é unha cousa moi distinta. É o xogo de verter as ideas (toleadas, moitas veces), de darlles voltas ata que tomen unha forma comprensible, de xogar a mesturalas coa realidade, para me entreter e para facer tanxible o produto do que me pasa pola cabeza. É debuxar historias, e iso é o máis divertido do mundo.
– P: Como entendes o processo de criação artística?
– SG: Penso que é algo moi subxectivo: hai tantas formas de crear como persoas. Para min, o proceso ideal é o de trasladar as imaxes da miña mente a notas (físicas ou dixitais) e de aí, á hora de escribir, mesturalos en palabras. É xogo, como dicía antes, pero un xogo de concentración. Ás veces de moito cavilar e pouco teclear, ás veces de tecleo frenético. Como nas musas non se pode confiar, o proceso de creación vén dado polo tempo dispoñible e a gana de ver o produto avanzar, sen romanticismos, premendo teclas e cuspindo ideas para volver e podar outro día.
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (fotografia, música, etc.)?
– SG: Non sei se coñezo abondo o que hai/houbo como para o avaliar, pero penso que todas as artes deben mesturarse de cando en vez. Non só no consumo por parte do público, senón dende as canles de produción, debería haber máis manifestacións de confluencias innovadoras. Poida que cada vez haxa máis, pero dubido que sexa abondo. Persoalmente, penso que non só debería acontecer entre as artes senón entre outras manifestacións culturais e do ocio. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– SG: Persoalmente, creo que temos que perder parte do misticismo e romanticismo que rodea a creación literaria. Teño a impresión de que a cultura galega precisa universalizarse, amosarse alén das fronteiras libremente, sen as constricións do medo ao rexeitamento. Fóra de aquí, a miña sensación sempre foi de que existe un descoñecemento da nosa cultura, non unha falta de respecto. Ese respecto conséguese amosando produtos e non ideoloxías. Aplaudo enormemente as iniciativas dos últimos anos que están demostrando que en galego se poden facer grandes obras, pequenas obras, libros divertidos, novelas vendibles e entretidas sen ter que amosar entre as liñas a nosa idiosincrasia máis roída, sen ter que adiviñar un Cunqueiro ou unha Rosalía en cada protagonista. (…)”