Cuestionario Proust: Toño Núñez

DesdeToño Núñez o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Toño Núñez:

“1.- Principal trazo do seu carácter?
– O compromiso, a seriedade, quizais.
2.- Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.- Que agarda das súas amizades?
– Que sexan auténticas.
4.- A súa principal eiva?
– A escasa capacidade de resolución, a falta de memoria (non lembro máis).
5.- A súa ocupación favorita?
– Soñar esperto polas noites.
6.- O seu ideal de felicidade?
– Vivir nun mundo no que se cumprise a máxima: “Non lle fagas a ninguén o que non che guste que che fagan a ti”.
7.- Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a autonomía física ou mental, ou ambas, claro; ou que a perdesen as miñas fillas, a miña compañeira de viaxe…
8.- Quen lle gustaría ser?
– Alguén con capacidade para transformar o mundo, para combater a inxustiza…
9.- En que país desexaría vivir?
– Igual me viña ben (para a miña saúde) vivir nun país no que non fixese frío nin calor. Existe? Pois, logo, xa que non me deron a escoller, sigo aquí.
10.- A súa cor favorita?
– A da herba.
11.- A flor que máis lle gusta?
– A da cerdeira.
12.- O paxaro que prefire?
– O xílgaro.
13.- A súa devoción na prosa?
– En conxunto, a de Manuel Rivas.
14.- E na poesía?
– Pico aquí, pico acolá.
15.- Un libro?
– Polo que me marcou cando o lin, Memorias dun neno labrego; pola mestría literaria… quizais… Rayuela, de Cortázar.
16.- Un heroe de ficción?
– Calquera que lles roube aos ricos para repartir entre os pobres, calquera que loite polos dereitos das persoas desfavorecidas…
17.- Unha heroína?
– Calquera nai á que lle asasinaron un fillo na guerra, calquera nai de drogadicto ou drogadicta, calquera muller vítima de malos tratos, calquera muller casada cun alcohólico… Tantas…
18.- A súa música favorita?
– Uf… Se me desen a escoller… A de Fuxan os ventos.
19.- Na pintura?
– Uf, uf… Universal… Caravaggio; un pintor noso contemporáneo… Miguel Anxo Macía.
20.- Un heroe ou heroína na vida real?
– Despois dos futbolistas de máis sona, calquera médica/o que salve vidas nun quirófano. Non son mitómano.
21.- O seu nome favorito?
– Navia.
22.- Que hábito alleo non soporta?
– A chulería é un hábito?
23.- O que máis odia?
– O odio.
24.- A figura histórica que máis despreza?
– Calquera que fose capaz de humillar, maltratar, torturar, violar, matar por vinganza ou por conquistar ou conservar o poder. Non obstante, paréceme que as figuras históricas hai que xulgalas no seu contexto.
25.- Un feito militar que admira?
– Son radicalmente contrario á existencia dos exércitos… Ningún!
26.- Que don natural lle gustaría ter?
– O da intelixencia e o da bondade; porque… un sen o outro… serven para pouco.
27.- De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo.
28.- Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– En condicións normais, a tranquilidade.
29.- Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia involuntaria, o rancor dos maltratados pola vida; pola contra, levo moi mal a hipocrisía.
30.- Un lema na súa vida?
– Dous: “Da Terra veño e á Terra volverei” e “Non lle fagas a ninguén o que non queiras para ti”.”