Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“O día 9 de maio dei lectura a este texto, que aquí modifico lixeiramente, no Círculo das Artes de Lugo nos actos de entrega do premio AELG a este blog.
Hai por volta de cinco anos, cando os blogs xa constituían unha moda que caera en certo desuso, inspirándome na orientación e nos contidos de dous populares blogs como eran e son Ferradura en tránsito e mais Brétemas botei a andar Caderno da crítica, un tanto irresponsablemente, todo hai que dicilo, pois o mundo virtual e o das novas tecnoloxías constituía para min unha sorte de arcano respecto do que era bastante escéptico.
Desde aquela até hoxe vai un período no que, creo, aprendín algunhas cousas: unha delas, e que se foi xerando de seu, foi iso da chamada identidade dixital. Manuel Bragado, que ten un percorrido máis longo e experimentado neste ámbito, díxome un día algo así como que un blog era, ou debía ser, unha actitude, unha maneira de ser e de estar. Fíxenlle caso e quixen que esa maneira de ser e estar discorrese allea a estridencias e balbordos, que se centrase en exclusiva no que emerxe e se dá no noso sistema literario contemplado este como un ente autónomo, singular, non dependente de nada nin de ninguén; que se deseñase nel unha presenza continuada concibida coa intención de apoiar e difundir a construción colectiva que se fai coa palabra, coa palabra nosa.
Conxecturo que as compañeiras e os compañeiros que constituímos a AELG galardoan este blog por esta actitude, e eu agradézollelo sinceramente, porque ven nel unha ventá que ofrece un discurso que quere ser integrador e plural, colectivo, que aposta por informar criticamente arredor dos nosos libros, de quen os constrúe e comercializa, de quen os escribe tamén, algo absolutamente necesario hoxe en día no que nin os nosos libros, nin quen os constrúen e comercializan, nin quen os escriben son tratados como se merecen, coma se o libro galego fose estranxeiro na súa propia terra. Contra todo iso, que é palpable, dolorosamente palpable, cómpre talvez aplicar a metodoloxía do traballo e do esforzo, seguir adiante na esperanza de que virán tempos mellores e que nos fagan esquecer as precariedades.
Quero agradecer igualmente, a atención que me dispensan os medios xornalísticos para os que escribo, parte substancial que alimenta este blog e, nomeadamente, algunhas persoas e institucións que quero citar. En primeiro lugar Lucía López Bayo, quen me empresta con xenerosidade a axuda técnica indispensable; Anxo Cabada, amigo e esteo fundamental para novos proxectos; algúns dos libreiros e libreiras máis comprometidos co libro galego e coa súa precisa visibilización, algunhas institucións colaboradoras –sempre xenerosas comigo- como as Fundacións Penzol, Uxío Novoneyra e Celso Emilio Ferreiro. Grazas tamén ao señor Proust e a todas as persoas que sempre atendedes ás miñas peticións.
Abrazo este premio con alegría e agradecemento. Valoro moito o voso agarimo e alento cando van aló vinte e cinco anos de práctica ininterrompida de crítica literaria. Cousas así son un estímulo para seguir traballando nesta República das Letras que nos une. Saúde.”