Entrevista a Dolores Vilavedra en Cultura Galega:
“- Cultura Galega: Segue a ter a nosa literatura aquelas características do fantástico que a caracterizaron con escritores como Álvaro Cunqueiro ou Ánxel Fole? Ou ficaron xéneros como a fantasía ou a ciencia-ficción relegados a públicos máis pequenos, ou marcados por unha idade? Esta é a pregunta que nos facemos esta semana.
– Dolores Vilavedra: “Vexamos, a súa presenza é minoritaria dentro do minoritaria que é a literatura galega”, avanza Dolores Vilavedra, profesora da USC e especialista en literatura galega contemporánea, “pero para compensar adoitar ter un público moi fiel, e isto é o que lles permite sobrevivir”. Estamos falando sobre os xéneros pulp, os xéneros de literatura considerada de masas e a súa presenza na literatura galega. Tamén dos xéneros que exploran a fantasía máis imaxinativa sen límites.
“A fantasía é un territorio no que nos sentimos moi cómodos. En primeiro lugar porque é un territorio moi amplo, moi híbrido por definición”, sinala Vilavedra, “e a nosa literatura é hibrída por natureza, así que se sinte cómoda”. O ronsel dos Cunqueiro, Fole é alongado e distante. “Hai unha xenealoxía privilexiada para o xénero fantástico”, sinala Vilavedra, aludindo á longa tradición imaxinaria na literatura galega.
Para Vilavedra, a literatura infantil-xuvenil é un dos espazos onde mellor se canalizou a presenza contemporánea do fantástico na literatura galega. “Este é un público consolidado, no sentido de que hai unha demanda articulada” que aproveita, segundo Vilavedra, o boom do fantástico xenerado nos anos 80-90 na literatura galega. (…)”