Entrevista a Celia Parra

EntrevistaCelia Parra a Celia Parra en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que supõe para ti a poesia e o audiovisual?
– Celia Parra (CP): Poesía e audiovisual sempre foron para min os vehículos de transmisión e comunicación máis íntimos, as linguaxes coas que máis cómoda me sinto. Primeiro chegou a palabra, despois descubrín o cine, do que me interesa a vertente máis creativa e experimental, e agora ando xogando a mesturalas. Ambas supoñen, ante todo, a celebración dunha maneira propia de ver e sentir o que nos rodea, e por tanto unha forma de liberdade. (…)
– P: Qual consideras que é -ou poderia ser- a relação entre a literatura e o audiovisual entre si e com outras artes?
– CP: Entendo as artes como expresións dun sentimento, emoción ou discurso; unha forma de trasladar un rebulir interior cara ó exterior empregando distintos formatos e técnicas: ben sexa unha composición musical, ben unha novela, un cadro, unha escultura… Cada unha, co seu grao de abstracción e características particulares, non deixa de ser a maneira que atopamos de darlle forma a ese algo que pula por facerse corpo, e por iso as vexo intimamente relacionadas.
Penso que, concretamente, poesía e o audiovisual son dúas manifestacións da mesma simbiose. O poder evocador da palabra fai que o poema desencadee na imaxinación unha serie de imaxes, reais ou figuradas. De igual xeito, a sintaxe interna da propia imaxe, e tamén a que deriva da montaxe cinematográfica, escribe no cerebro do espectador conceptos, significados e impresións. Unha imaxe sen palabras fai que estas agromen na mente, e o mesmo pasa cunha soa palabra. Para min é moi interesante explorar a intersección destas dúas linguaxes, como se complementan, como se duplican, como se mesturan e que universos crean. (…)
– P: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– CP: Agora mesmo estou producindo Versogramas, un proxecto transmedia que explora o xénero da videopoesía a través dun documental de creación, unha exposición, un webdoc e unha longametraxe experimental. É un proxecto apaixonante que desenvolvo xunto con dous grandes profesionais, Belén Montero e Juan Lesta (Esferobite). Polo de agora estamos en fase de financiamento, agardo que pronto poidamos ensinar cousiñas. Como ando volcada niso, pouco tempo e espazo mental me queda para a escrita, pero si que me gustaría retomar algunhas ideas que teño anotadas para un poemario.”