Artigo de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“Hai só uns días apuntaba nestas páxinas que, particularmente, cheguei a María do Carme Kruckenberg como lector e que só a tratei ocasionalmente. No acto cívico-literario que se lle rendeu este pasado domingo no tanatorio vigués de Pereiró, adquirín consciencia da relevancia que no seu caso cobra atender á súa dimensión máis humana, pois non é difícil comprender como esta se foi filtrando, talvez inevitablemente, na súa obra, á vista dos asuntos polo que foi lembrada: ben difícil resulta entender doutra maneira a fervenza de afectos e emocións que transmitiron as voces e a música daquelas persoas que a trataron, que a acompañaron e que compartiron con ela amizade e complicidades.
Teño para min que hoxe cómpre, con todo, atender a ese legado fundamental que é a obra literaria que nos deixou e que non é menor nin secundario pois, entre outras razóns de relevancia, con el establece un elo inescusable na tradición poética galega contemporánea que vai desde Rosalía, levando como compañeiras de viaxe a Luz Pozo, Pura Vázquez, Helena Villar ou María Xosé Queizán, entre algunhas outras, e que chega ás voces das poetas de arestora. Ao fío disto, intúo que ela sempre foi moi consciente desta realidade, polo que alentou e impulsou a chegada de novas voces de muller á poesía galega, entendendo este xesto como unha responsabilidade e case un acto de fe.
O percorrido poético da autora supón, así pois, un exemplo de continuidade con máis de sesenta anos de presenza practicamente ininterrompida na escena literaria desde que se estrea como poeta no ano 1953 con Las palabras olvidadas, editado en Buenos Aires -esa cidade tan relevante na súa biografía e, dalgún xeito, na súa obra posterior, polas relacións literarias que mantén con exiliados e autores arxentinos- para se incorporar axiña ao discurso literario galego con Cantigas do vento (1956), malia ser posible que o seu paso máis firme fora o que deu con Canaval de ouro, editado por Galaxia en 1962.
Moitos libros publicados, moita poesía escrita e moita outra con seguridade desbotada, mais sempre fiel a unha visión da poesía en primeira instancia de clara filiación popular, onde deu pasos igualmente relevantes nese movemento literario que se denominou neotrobadorismo e que, posteriormente, como Camino Noia apuntou, abrazou o intimismo e, sen dúbida, a reflexión existencial, sen dar as costas a unha visión de corte social sobre o tempo que lle tocou vivir.
No libro que a profesora Mercedes Queixas publicou non hai moito tempo –Vivir, unha aventura irrepetíbel (2011)- a poeta viguesa afirmaba que «non vivimos tempos para nos adurmiñar. Cómpre estarmos ben espertos, atentos á vida, que é o importa. Hai que dicir as cousas e un poeta ten que estar na época exacta na que vive», ao tempo que insistía na importancia que ten a liberdade e o coñecemento preciso para usala. En efecto, relendo parte da súa obra máis recente, agroman aquí e acolá estes dous elementos que se configuran como esenciais para, neste caso, ir pechando unha traxectoria que se configura como constante, prolífica, exemplar, inconformista e intensa. A súa biógrafa comentábame que cumpría falar dela máis que nunca para que a súa obra non esmoreza. Comparto totalmente esa vontade: toda Kruckenberg repousa agora na súa obra. Convido, vivamente, a lela, ou relela, pois será a mellor homenaxe que se lle poida render.”