Entrevista de Armando Requeixo a Miguel Sande no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Miguel Sande (MS): Fáltalles apoio, está claro, un apoio decidido e eficaz do noso Goberno. Fáltalles visibilidade. E é obvio, fáltanlles lectores; tamén lectoras, aínda que menos. Por parte dos/as autores/as e críticos/as fáltalles máis risco quizais, vontade anovadora. Sóbranos, acaso, comodidade (iso tamén se nota na escrita).
*Anovar non é incluír nunha novela cartas, poemas, debuxos; iso é doado, coño, iso é ata unha simpleza (que adoitan valorar moito os xuris). O difícil é mesturar iso nun texto narrativo sen que se note a derruba dos marcos que sinalan os xéneros. O futuro, se o hai, que o dubido, vai por aí: por tirar os marcos, pero con máis intelixencia. Outravolta a mirada nova sobre a lúa para a descuberta. Pero non lemos; creo que nin quen escribimos lemos abondo, porque do contrario venderiamos máis libros, mesmo de poesía. Somos case máis os que escribimos que os que len. E non digo que sobren escritores, en absoluto; ao contrario, iso nunca é problema, a escolla nunca foi un problema; se acaso, unha vantaxe ou privilexio; digo que faltan lectores. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MS: Tanto ten a valoración que eu faga, non lle vexo demasiado futuro, nin ao noso nin a calquera outro. E non porque sexa pesimista. Creo que o libro como obxecto físico parécese cada día máis a un cadaleito. Os libros electrónicos tampouco non se len. A vida dun libro hoxe é, nada, un suspiro. E nos textos das redes sociais un día é a eternidade. O termo “clásico” morreu. A xente nova, en xeral, non le máis ca por obriga; escribe cada vez peor (o meu propio fillo é universitario e ten faltas de ortografía, incrible; todos, practicamente, así, vexo os exames). As novas tecnoloxías son demasiado adictivas. Nos centros de ensino acabarán por desaparecer os libros a non tardar. Estamos nunha revolución tecnolóxica, dixital, que non fixo máis que comezar e vai todo a demasiada velocidade. É a transformación.
Mira, eu pensaba van moitos anos xa que deberían desaparecer os premios literarios, pero xustamente agora non; neste momento de desespero e agonía, non; ao contrario, creo que son máis necesarios ca nunca, pero, ollo, tamén creo que vós, os membros dos xuris, debedes apostar máis polo risco: a todo ou nada. Por pura necesidade. Fóra convencionalismo xa. Diante dunha situación límite non se pode seguir igual porque acabas por te afundir. Ou descubrimos unhas miradas novas sobre a lúa ou non hai sorpresa, pero máis do mesmo non, xa non vale. E aínda así, cun apoio decidido e eficaz dos responsables da nosa Cultura. En todo caso, isto é, ha ser, unha transformación: non quero dicir en ningún caso que a literatura vaia desaparecer. Transformarase e irá buscando novas vías para se manifestar, seguro. (…)”