Artigo de Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“Cando os EE. UU. desembarcan masivamente na Praia da China, á beira das Terras Altas de Annam, non só levan a súa maquinaria mortal de guerra para o Xenocidio, consigo levan tamén a súa cultura de Morte do poder político-militar invasor, acompañada da cultura de masas dos EE. UU. que acompañaría aos soldados norteamericanos. Ao tempo que se vai impoñendo a destrución de toda forma de cultura do Vietnam vaise destruíndo a terra cultivábel, que o era cunha determinada agricultura tradicional milenaria, que garantía a transmisión cultural e garantía a súa soberanía alimentar. Fronte ao exército dos EE.UU está a defensa da identidade cultural vietnamita como alicerce do pensamento político que sustenta a defensa da súa independencia nacional.
Mais cando os EE. UU. chegan a Vietnam, o etnocidio cultural xa está basicamente feito polo arrogante colonialismo francés. Da mao de Bertrand Russel sabemos que a estrutura do sistema mandarín estaba composta por 20.000 escolas, cada unha cun seu mestre nas aldeas, ademais das escolas de distrito e das escolas provinciais, mesmo co sistema de elección dos altos funcionarios da administración imperial na capital Hue, con exames ao xeito chinés. O percorrido que facían os aspirantes ate Hue é chamado a “Rota Mandarín”.
Ao ser substituída a autoridade da nobreza e mais dos mandaríns por funcionarios franceses, a transmisión regrada da cultura interrompese. Aínda así no 1885 hai unha revolta contra a autoridade colonial francesa, que fracasa, chamada a Revolta dos Académicos ao estar dirixida por mandaríns. Entre eles estaba o pai de Ho Chi Ming, que abandonou a corte do Emperador títere e dedicouse a percorrer o Vietnam traballando coma conta contos e escritor de cartas. Isto deixa a Vietnam desvertebrado culturalmente, sen conexión entre si, sen a idea de seren un mesmo país cunha longa historia de loitas pola súa independencia, diluídos nun todo onde entraban Camboxa e Laos mais a Conchinchina, Annam e Tonkin.
É o Viet Min o que, ao ter coma elemento político fulcral a idea de toda Vietnam coma unha única nación, crea a base sobre a que asentar a loita anticolonialista diante dos franceses, onde a educación e a cultura son a cerna do proxecto político do Viet Min e do FNL. (…)”