Xosé Díaz: “Debémoslle a Rafael Dieste outra lectura da súa obra”

EntrevistaXosé Díaz a Xosé Díaz en Sermos Galiza:
“(…) A editorial rianxeira Axóuxere vén de publicar Dos arquivos xeométricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste, unha obra de Xosé Díaz (Lugo, 1980) nada da súa tese de doutoramento, centrada en Dieste (1899-1981) e a xeometría, unha relación tan descoñecida como enriquecedora.
– Sermos Galiza (SG): A pregunta xa a puxo riba da mesa García Armesto en 1968: “Por que sendo ante todo un poeta -en prosa, en verso, en diálogo dramático, tanto ten: un poeta- a Rafael Dieste lle preocupan as matemáticas?”.
– Xosé Díaz (XD): As matemáticas aparecen para el como unha linguaxe, como un medio co que resolver problemas e propoñer cuestións. Son un pretexto, tamén, para pensar e discutir. Desde logo, Rafael Dieste non chega ás matemáticas como un xeómetra puro, faino achegando outra mirada.
– SG: O libro ten orixe na súa tese, onde defende que os ‘tratados xeométricos’ de Dieste son en certa forma unha escusa para acabar abordando outras cuestións tamén desde a filosofía
– XD: Rafael Dieste fala do mesmo desde diferentes perspectivas nun pulo por intentar tocar a verdade. Como poeta el non fai poesía por puro formalismo, senón que fai poesía para ir até a raíz. E a xeometría vai ás mesmas cousas. Hai, por dicilo así, dous parámetros que se poden perciber na súa obra: unha discusión filosófica do que é o espazo e unha discusión filosófica do que é o tempo. E ambas as dúas abórdaas desde miradas diferentes, ora a literaria, ora a matemática. Mais é volver sobre os seus lugares comúns, os que sempre lle interesaron e atraeron. (…)
– SG: Con este libro agrándase o campo para comprender a Dieste, unha figura non sempre ben entendida ou explicada pola literatura galega…
– XD: Rafael Dieste é moito máis que o autor de Dos Arquivos do Trasno ou A Fiestra Valdeira, que non son pouco. Nas marxes disto hai un intelectual, un pensador de primeira liña. Eu animo á xente a que se achegue ao Dieste máis amplo, porque a visión que hai del é limitada e pobre. Pódese dicir que é en gran medida el é un gran descoñecido Un máis, por outra parte. (…)”