Entrevista de Alberto Ramos a Héctor Cajaraville en Praza:
“Héctor Cajaraville (Santiago, 1975) vén de gañar o XXXII Premio Xerais coa novela De remate. Trátase dun libro pouco convencional, no que se recompilan os artigos de Bieito Sanmarful, xornalista ficticio que durante anos publicou unha columna de opinión no tamén ficticio xornal Loaira. O director desa cabeceira encárgase de escolmar os artigos nun libro no que tamén se recollen fragmentos dun diario persoal, así como outros tipos de textos. O conxunto das pezas conforman un collage a través do cal o lector traza a historia vital e profesional de Bieito Sanmarful. Segundo o xurado, os textos asinados polo xornalista inventado “retratan con humor e moita chispa a Galicia actual, afondando nela con ironía e orixinais xogos de palabras”. Co Premio Xerais, Cajaraville estréase na literatura. Ademais, quedou de finalista do Premio Merlín desta mesma edición co título Quen dá a quenda?
– Praza (P): Primeira novela e leva o Xerais. Foi chegar e encher?
– Héctor Cajaraville (HC): Esa probablemente é a frase que máis escoitei durante o sábado pasado, na propia Illa de San Simón cando se declarou o veredicto do xurado. Saíu alguén coma min, unha persoa totalmente descoñecida para case todos os que estaban alí. Esa era a frase, porque é así. Eu fixen unha novela, que ademais é moi recente, eu escribina de finais do ano pasado a comezos deste ano. E abriu o prazo do Xerais, enviei a novela e case que apurando para presentala ao primeiro certame no que participaba. Fai un par de semanas saíron os finalistas e vexo que estaba entre eles.
– P: E chega a semana horrible da esperar o resultado final…
– HC: Si, foi unha longa semana. Porque eu ademais, nese tempo tamén escribira unha novela máis, que foi tamén de finalista no Premio Merlín. Así que vivín bastante inquietude e, a verdade, tiña bastantes esperanzas, xa que ao chegar a estar entre os finalistas destes premios, pois creas unhas expectativas. E a verdade, é que non podo pedir máis. Dous libros que mando a dous premios e nun gaño e noutro quedo de finalista. (…)”