Bases do XXXIV Premio Blanco Amor de novela longa

“DeEduardo Blanco Amor conformidade co que acordou a Xunta de Goberno desta Deputación, na sesión do
día da data, convócase a XXXIV edición do Premio Blanco-Amor de novela longa, con suxeición ás seguintes bases:

Primeira.- Poderán participar nel todos os autores e autoras que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.
Segunda.- As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos. Achegaranse tamén en soporte informático.
Terceira.- As obras presentadas terán que ser inéditas.
Cuarta.- De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Deputación de Ourense, rúa do Progreso, n.o 32, 32003 Ourense, facendo constar no exterior “Para o XXXIV Premio Blanco – Amor”. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
Quinta.- O prazo de admisión dos orixinais rematará o luns 14 de setembro de 2015, cento dezaoito aniversario do nacemento en Ourense de Eduardo Blanco-Amor.
Sexta.- O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria pola Deputación de Ourense, estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. Facúltase ao xurado para a interpretación e integración das posibles lagoas nas presentes bases en todo o relativo á concesión do premio.
Sétima.- O premio estará dotado con 12.000 €.
Oitava.- O premio poderase declarar deserto de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado.
Novena.- O xurado fará público o seu veredicto, perante os medios de comunicación, o venres 27 de novembro de 2015.
Décima.- A concesión do premio implicará a cesión á Deputación do dereito exclusivo para a realización dunha primeira edición en lingua galega da obra. A dita edición deberá realizarse nun prazo máximo de dous anos dende a data da entrega do premio,
quedando sen efecto a cesión no caso de que no dito prazo non se leve a cabo, agás que a demora se deba a causa imputable ao autor, suposto no que o prazo do dereito de edición se entenderá prorrogado polo tempo correspondente á dita demora.
As obras non premiadas devolveránselles aos/ás autores/as que o soliciten nun prazo dun mes contado dende o día do veredicto. No caso de que non os recollan dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.
Décima primeira.- A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación de Ourense, o martes 1 de decembro de 2015, trinta e seis cabodano do autor de A Esmorga.
Décima segunda.- O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as presentes bases. Contra este acordo pode interporse, potestativamente, un recurso de reposición ante a Xunta de Goberno desta Deputación, no prazo de 1 mes, como trámite previo ao contencioso-administrativo, ou ben, directamente, un recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado Provincial do Contencioso-Administrativo, no prazo de 2 meses, sen que se poidan simultanear ambos os dous recursos. Os prazos indicados computaranse a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no BOP.

Ourense, 27 de febreiro de 2015. O presidente. Asdo.: José Manuel Baltar Blanco.”