As asociacións culturais prometen que Manuel María terá un Día das Letras “memorábel”

ArtigoManuel María de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“O escritor Manuel María acompañou asociacións como a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) así como todo o tecido cultural do país que o vindeiro sábado se xuntarán, como xa estaba previsto, na sede da fundación que leva o seu nome en Outeiro de Rei.
“Este ano debe servir para pór de novo Manuel María de plena actualidade (nunca deixou de estar). Quero dicir que á marxe dos estudos que sobre a súa obra se poidan levar a cabo a homenaxe que supón a dedicatoria do Día das letras ten que poñer o poeta de novo en todos os centros educativos, mais cando ninguén, como el, fixo literatura que pode utilizarse en todos os niveis do ensino, cantada, lida ou dramatizada. Iso, xunto co seu compromiso polo idioma, fai que o ano 2016, ano tamén do centenario das Irmandades, abra un abano de posibilidades de traballo e divulgación que non se dan en ningún outro autor”, sinala o presidente da AS-PG, Xoán Costa, a pouco de se coñecer que Manuel María é o escritor ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2016. (…)
“A sociedade vaise volcar, entre outras cousas, porque estamos en débeda con Manuel María que sempre acompañou a todo o mundo. Tense que visualizar toda a forza que hai na sociedade e que responderá a todo o que el xenerosamente deu en vida. Será un ano de festa e eu creo que podo aventurar que o único referente próximo é cando se celebrou o ano de Lois Pereiro que tamén houbo unha resposta social grande. Servirá para darlle un novo impulso a unha figura imprescindíbel”, comenta Mercedes Queixas, vicepresidenta da AELG, que malia se ter incorporado á directiva da entidade ao anos seguinte da morte de Manuel María coñece ben as razóns que levaron á entidade a outorgarlle as máximas distincións como nomealo socio de honra e dedicarlle a letra E. “O arquivo da AELG testemuña que acompañou desde o seu nacemento a vida interna da asociación e por iso para nós será un orgullo moi grande involucrarnos cunha figura á que lle temos moito respecto”, engade.
A nivel persoal, Mercedes Queixas asegura que o coñeceu de moitas maneiras, desde que se achegou a súa casa como estudante para a elaboración dun traballo e saíu sorprendida co trato e a xenerosidade, logo como docente, cando Manuel María asistiu ao seu centro de ensino coa súa voz rexa que engaiolaba ao alumnado e finalmente en infinidade de actividades do movemento asociativo.
“É unha persoa tan popular que vai ser celebrado por canto movemento asociativo hai no país. Non hai concello que non tivese pisado e a súa voz estivo presente sempre que foi chamado. Terá o recoñecemento que a el lle gustaría: popular de unión do pobo e será tamén un ano para nos atopar cun referente literario da segunda metade do século XX e primeira do XXI de lectura imprescindíbel e tamén para mostrar o moito que o valoramos e agradecemos a súa viaxe polo país acompañando as causas xustas”, comenta Queixas quen fai fincapé nunha faceta, ao seu ver, imprescindíbel, a súa condición de pioneiro da literatura infantil con obras de referencia como Os soños na gaiola.
Da infinidade de actos da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) nos que Manuel María participou, o presidente da entidade, Marcos Maceira destaca o seu compromiso anual co Correlingua, a carreira na que a rapaciada festexaba correndo a súa lingua. “Percorreu moitísimos centros de ensino e tanto el como a súa obra traballaron arreo pola normalización a nosa lingua po riso quero destacar a oportunidade como autor para seguir contribuíndo aínda hoxe á defensa do galego, nun momento en que tanta falta fai”, afirma Marcos Maceira quen lembra tamén que a súa obra foi lema de varias convocatorias de Queremos Galego, a plataforma pola lingua, como “O idioma é a chave coa que abrimos o mundo”.
“A súa obra será reeditada e estará con máis intensidade nos centros de ensino co que imos comprobar que o país e a lingua son eixos fundamentais da súa creación. Manuel María é o primeiro autor novo que publica en galego despois do levantamento militar e a forza que a lingua ten na súa obra vai ser moi útil para a loita pola normalización”, explica e, como Xoán Costa, insiste en que a feliz coincidencia co ano das Irmandades da Fala fai que agarde o 2016 “con moito optimismo, moi propicio para a lingua, para recolocala no sitio que lle corresponde”.”