Fernando M. Cimadevila: “A vida real precisa camiñar polos bosques máxicos da literatura fantástica”

EntrevistaFernando M. Cimadevila de Carme Vidal a Fernando M. Cimadevila en Sermos Galiza:
“Con A batalla por Avalon (Urco) o escritor Fernando M. Cimadevila atravesa o ecuador da súa pentaloxía O mundo secreto de Basilius Hoffman, un universo literario que conseguiu o aplauso do público e está a traducirse a outras linguas. Apaixonado da literatura fantástica, Cimadevila explícanos as claves da súa obra e dun xénero do que é autor e tamén editor, co selo Contos Estraños que se vén de fusionar con Urco.
– Sermos Galiza (SG): A batalla por Avalon é o terceiro dos cinco libros d’O mundo secreto de Basilius Hoffman. Que leva a un escritor a decidir que un proxecto literario será unha pentaloxía?
– Fernando M. Cimadevila (FMC): A serie básica son cinco libros, mais o proxecto tería outros tres de relatos, que teñen como protagonistas personaxes secundarios. Algúns deles gustan máis aos lectores ca os principais. Quería tamén escribir un libro sobre a mocidade de Basilius Hoffman, co cal, na fin, rebordaremos esa cifra. Desde hai moito tempo son afeccionado da literatura fantástica e, con 33 anos, decidín escribir. Cando me puxen, xa con bastante bagaxe, decateime de que non era un libro, senón moito máis. Fixen unha sinopse e deseñei a pentaloxía: cinco puntos ata a resolución final. Ou facía un libro inmenso ou capítulos moi longos, que son as cinco novelas, aínda que cada unha delas é autoconclusiva. (…)
– SG: A literatura fantástica, en certa maneira, ten o seu propio circuíto, mais vostede está a conseguir atravesar as fronteiras e os seus libros están a entrar nos centros de ensino.
– FMC: Acontece coma con outros xéneros. Hai lectores só de novela negra, de novela histórica… Non me defino como escritor só de fantasía, aínda que se queres dedicarte, tes que traballala. Sempre digo que un xénero non determina a calidade nin o trasfondo das historias. O soño dunha noite de verán, de Shakespeare, é fantasía. O mundo secreto de Basilius Hoffman é a historia dun rapaz que non ten fogar fixo e un tío que o acolle. Son historias humanas, só que o marco no que se sitúan é diferente. O que lle interesa á xente son as historias dos personaxes. O marco é o atrezzo. (…)”