Conversas na feira: Marcos Calveiro e Ledicia Costas

DesdeFeira do Libro de Vigo 2015 Brétemas, de Manuel Bragado:
“(…) Foi a escritora Iolanda Zúñiga quen presentou de forma vibrante a Calveiro como «valor seguro da nosa literatura infantil e xuvenil, xa que cada un dos seus relatos nos nutren e vitaminizan» e gabou un libro que «revolve as entrañas« e aborda «unha situación que segue a suceder en moitas cidades do mundo, hai centos de Seavias que merecen ser escoitadas». Na conversa coa autora de Periferia Calveiro confesou que a novela nacera dunha noticia que lera sobre un alumno dunha escola de mimo de Medellín que fora asasinado. Ambos os dous autores coincidiron que na novela existía un espazo para a esperanza, mais tamén asumindo que «a vida é un carrusel», onde se repiten as situacións. «Ente a vida e a lenda, preferín escribir unha lenda. A novela non é unha denuncia, é a realidade» dixo o autor, antes de confesar que despois de escribir de forma moi intensa durante os últimos nove anos, decidira darse un respiro, «aínda teño dúas novelas para adultos e unha xuvenil por publicar».
Fran P. Lorenzo, despois de estar asinando exemplares de Cabalos e lobos, conversou con Ledicia Costas sobre Un animal chamado néboa. Comezou abeizoando á Ledicia por tres cousas: por ser capaz de adaptar o seu discurso a públicos diversos, o que é síntoma de valía literaria; por abordar a guerra como tema para un libro e por optar polo relato curto, un xénero maltratadísimo. «Este é un libro moi duro, pero necesario, que remove a quen le», afirmou Fran para interpelar despois a Ledicia sobre o risco que isto podía supoñer para o lector. «Non quería escribir un libro amable», contestou a autora, «quixen escribir algo radical como é a guerra». «A escrita é valentía, hai que atreverse a contar do xeito máis cru.»
A afirmación de Lorenzo de que «escribir sobre a guerra exixe un plus de responsabilidade, xa que un tema non se pode abordar de forma frívola» deu pé a Costas a recoñecer que o seu nivel de exixencia na escrita do libro fora moi alta, sobre todo na obsesión pola documentación. «Estiven lendo sobre a Segunda Guerra Mundial durante dous anos. Busquei historias vividas como as de Tanya Sascideva durante o asedio de Leningrado que tiña por obxectivo que morresen de fame millóns de persoas».
Despois de ir debullando algún dos contidos dos seis relatos, con especial atención aos que fan referencia ao holocausto, Lorenzo e Costas coincidiron en que a redención a través do amor era a única esperanza que deitaba o libro. «No medio da dureza tiña que prender candeas, o único que quedaba era o amor. Foi o xeito que tiven de prender luces. Prender candeas para que o lector non sucumbise», rematou Ledicia Costas.”