Obxectivo de 2016: vincular o centenario das Irmandades co ano de Manuel María

Desde10995389_669615503171946_2441754798931090968_n Sermos Galiza:
“Tras o xantar popular no que participaron ao redor de 500 persoas, representantes das Directivas dunha vintena de asociacións culturais de base participaron nun encontro que tivo lugar na propia carballeira de Santa Isabel de Outeiro de Rei para trazar as liñas de acción nas que traballarán o ano que vén. Entre os principais acordos aos que chegaron as persoas participantes destaca a vinculación da conmemoración do centenario das Irmandades da Fala coa elección de Manuel María como escritor ao que se lle dedicará o Día das Letras de 2016.
Precisamente, nunha conversa con Sermos Galiza (que pode consultarse no último número do semanario), Saleta Goi, presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, sinalaba que “a Manuel María encantaríalle coincidir no tempo coa celebración do centenario do nacemento das Irmandades da Fala”. Tamén o ratificaba esta mañá Manuel Ferreiro, que como chairego representante do Padroado da Fundación tomou a palabra na ofrenda floral coa que as persoas participantes no convivio lembraron o poeta de Outeiro de Rei.
O segundo acordo adoptado na xuntanza desta tarde ten a ver coa necesidade de elaborar un estudo concreto -tanto sobre as Irmandades como sobre Manuel María– das actividades e persoas relacionadas coas vilas do país e socializalas a través de conferencias, roteiros…
Ademais, as persoas representantes das Directivas das entidades culturais que formaron parte do convivio determinaron editar a publicación co corpo central do manifesto das Irmandades da Fala, do que se salientou a súa actualidade tantos anos despois.
Tamén se resolveu conferirlle un enfoque didáctico para a escola ás accións que se desenvolvan en 2016, co fin de contar con unidades didácticas para traballar no ensino.
Co fin de avanzar no traballo acordado na tarde de hoxe e de estendelo a outras entidades que quixeren sumarse, as asociacións culturais marcaron un novo encontro para o mes de setembro.”