Desde a Deputación da Coruña:
“O Pazo de Mariñán acolleu o 27 de outubro a xuntanza do xurado do Premio Otero Pedrayo 2026, convocado nesta edición pola Deputación da Coruña de acordo co carácter rotatorio anual estabelecido no regulamento do certame. Tras a deliberación dos seus membros, acordouse concederlles por maioría este recoñecemento aos tres humoristas gráficos Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo”. Trátase dunha proposta da propia Deputación da Coruña que se suma á histórica nómina dun premio que ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria dunha das figuras máis senlleiras da cultura galega, recoñecer un labor que constitúa unha contribución eminente ao país e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven á mellora da súa cidadanía e institucións.
A Deputación da Coruña propuxo a candidatura dos tres humoristas gráficos Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo” por “levar 50 anos publicando unha viñeta diaria, sendo, por tanto, cronistas da historia de Galicia destes últimos 50 anos” tal e como destacou Manel Cráneo na reunión. Con este premio, o xurado recoñece “o valor indiscutible do humor gráfico como contribución á cultura de Galicia”.
A xuntanza do xurado estivo presidida por Anxo Manuel Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, mentres que a vicepresidencia recaeu na deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González. Na xuntanza participaron tamén, en calidade de vogais e en representación das distintas institucións, o deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Manuel Fernández; a funcionaria do servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ruth González Reyes; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; e o secretario xeral de Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García.
A representación do ámbito académico e científico estivo integrada por Ana Cabana, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela; Alfonso Caride, técnico superior de actividades culturais da Universidade de Vigo; Manuel Ferreiro, catedrático emérito de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña; María López-Sández, académica de número da Real Academia Galega; Pablo Santiago Otero Piñeyro Maseda, director do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, e Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Así mesmo, formaron parte do órgano reitor como personalidades de recoñecida autoridade científica e literaria o poeta Luís González Tosar (designado pola Xunta de Galicia): o ilustrador Manel Cráneo (pola Deputación da Coruña); o historiador e catedrático emérito da Universidade de Vigo Jesús de Juana López (pola Deputación de Ourense) e a técnica de xestión cultural da Deputación de Pontevedra Begoña Fernández (pola Deputación de Pontevedra), xunto con Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Cultura, Igualdade e Dereitos Civís da institución coruñesa, na secretaría do xurado.
O galardón conta cunha dotación económica de 16.000 euros, unha contía que achegan conxuntamente as catro deputacións provinciais e a Xunta de Galicia. Coa resolución adoptada hoxe, a organización prepara xa o acto formal de entrega do galardón, que se desenvolverá antes de finais de ano. Con este fallo, Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “Carrabouxo” incorpóranse a un dos recoñecementos máis relevantes do panorama cultural galego, sucedendo a premiados de edicións recentes como a Coral Polifónica de Pontevedra en 2025, a Coral de Ruada en 2024, Darío Villanueva en 2023, Ángel Carracedo en 2022, e Rosario Álvarez e Menchu Lamas en 2021.”
Arquivos da etiqueta: Manuel Ferreiro
Gonzalo Hermo, Antonio Salas, Universo Cantigas. II, Cabreiros, Abraham Cupeiro, Mar Caldas, Laura Iturralde, Beli Martínez, o proxecto de comunicación do Celta e José María Fonseca Moretón, Premios da Crítica de Galicia 2026
Betanzos: Manuel Ferreiro e Leticia Eirín presentan o proxecto Universo Cantigas
Manuel Ferreiro e Leticia Eirín presentan o proxecto Universo Cantigas, en Betanzos
Facer nosas as cantigas medievais
Desde Cultura Galega:
“Segundo explica Manuel Ferreiro, catedrático que coordina o proxecto, este “comezou en 2010 coa elaboración dun glosario exhaustivo que ao longo de seis anos obrigou a revisar moitos textos, manuscritos e edicións previas” con vistas a contar cun rexistro sistemático das palabras empregadas nestas composicións e os seus significados. Neste proceso comprobouse como existían moitos erros de transcrición e interpretación nas edicións existentes deste material, todas elas desenvolvidas fóra do noso país. “Ao acabalo vimos como inevitable abordar a edición crítica e repousada das nosas cantigas. Había a necesidade de lermos e interpretarmos eses textos desde Galicia”, asegura. Para este investigador, este conxunto “é a nosa primeira obra literaria, case se pode considerar como fundacional da nosa literatura, e ata o momento fora traballada sobre todo por investigadores italianos e portugueses. A nivel internacional Galicia é coñecida por Santiago e polas cantigas, cando menos en ámbitos culturais. En Italia continúan a traballar sobre elas, fanse teses e edicións dos nosos trobadores” explica a incidir no peso internacional destes fondos.
Unha complexa base de datos que permite desenvolver o traballo de anotar e ligar contidos vencellados ás cantigas e, ao tempo, facilitar a súa consulta, presentouse como unha das primeiras tarefas a desenvolver. Esta ferramenta permite a día de hoxe que os contidos do proxecto estean dispoñibles en aberto para a súa consulta vía web. “Pódese clicar cada palabra dos textos e consultala inmediatamente no glosario”, explica Ferreiro, ademais de consultar anotacións exhaustivas sobre as diferentes interpretacións e edicións existentes destes textos. Para alén do contido web, un primeiro volume impreso recolleu en 2025 a totalidade das cantigas de amor conservadas desta tradición, e neste 2026 viu a luz un segundo centrado nas de amigo. “Agora estamos embarcados na última fase do proxecto que son as de Escarnio e maldizer, e haberá un último volume dedicado a outros xéneros. No web temos xa unhas 1.500 cantigas do total aproximado de 1.670 que existen e agardamos ter o conxunto da lírica profana medieval completa dispoñible nuns meses” con todas estas funcionalidades. (…)”

















