A Mesa acada a unanimidade das forzas políticas nun acordo histórico sobre a lingua

Desde2015071516194999146 Sermos Galiza:
“Por varias razóns, o acto que promoveu na Ferradura de Compostela, á beira da estatua a Rosalía de Castro podería definirse como histórico. En primeiro lugar, xuntar representantes de case a totalidade das forzas políticas activas facían xa, de saída, único o acto, nun momento no que a “unidade” é un concepto político a debate. En segundo, por se xuntaren todas para asinar un acordo pola normalización lingüística que busca inaugurar un tempo novo para o idioma. (…)
O acto, aos pés de Rosalía no 130 aniversario do seu pasamento, cubriuse da solemnidade dos grandes acordos históricos. Cada representante das distintas forzas políticas tivo un minuto para corroborar o seu apoio e asinar o documento, despois dunha foto de familia que, no fin do acto, se completaría con figuras das distintas organizacións culturais, políticas ou sindicais que se sumaron ao acto de unidade pola lingua. Máximos responsábeis da CIG, Galiza Cultura, a RAG, AELG, a Fundación Rosalía, Asociación de Actores e Actrices, Escena Galega, Fundación Manuel María ou a AS-PG participaron na convocatoria. (…)
“Unha nova política lingüística que recupere o papel impulsor que deben desempeñar as institucións e os poderes públicos e acompañe a sociedade galga que xa actúa en solitario para repor e colocar a lingua en todos os lugares de onde está excluída” foi o obxectivo que a Mesa se marcou á hora de lograr sumar forzas para o acordo a prol da normalización do galego. Como “os acordos deben ser cumpridos”, a maior asociación cultural do país, anunciou que fará seguimento do asinado polas forzas políticas, e esixirá “respecto polos compromisos adquiridos e a palabra dada”.
A Declaración compromete ás distintas forzas políticas asinantes a retomar e iniciar “todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institución” naquelas institucións e organismos nos que teñan reponsabilidade de goberno. O obxectivo é garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real”. (…)”