An Alfaya: “Fomentar na infancia o desenvolvendo da imaxinación e da creatividade é a vía que nos queda para salvarnos de nós mesmos”

EntrevistaAn Alfaya de Carlos Loureiro a An Alfaya en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): A imaxinación narrativa nace con unha ou adquírese? De onde cres que saíu ese teu espírito narrador?
– An Alfaya (AA): Se algo nos distingue do resto dos seres vivos é a nosa capacidade de fabulación. A imaxinación, esa fonte inesgotable que nos fai transcender, está en nós dende os primeiros albores; ás veces queda latente toda a vida e non emerxe, e outras turramos dela, convertémonos na súa cómplice, e conseguimos mediante un máxico xogo de prestidixitación que rescate á creatividade que todos agochamos, dándolle forma a unha manifestación artística con forma de poema, relato, novela, peza teatral, ensaio, escultura, pintura, partitura, etc.
As experiencias persoais adquiridas, as frustracións, os anacos de felicidade, os anhelos, a vida mesma, van completando a diario o universo imaxinativo, agás aquel que a razón, castradora, impón.
Sempre pensei que fomentar na infancia o desenvolvendo da imaxinación e da creatividade é a vía que nos queda para salvarnos de nós mesmos. (…)
– NG: Posuímos unha excepcional literatura contemporánea dirixida a lectoras e lectores de idades máis temperás… mais que lle falta a esta nosa literatura para dar ese gran salto fóra das nosas fronteiras?
– AA: Non lle falta nada en canto a calidade literaria comparativamente con outras literaturas. Fáltalle todo en canto a que se apoie e potencie o traballo das creadoras e creadores dende as institucións e os ámbitos de poder, que se establezan os mecanismos, as redes e as pontes para que desaparezan as fronteiras á par que os complexos provincianos. (…)
– NG: Cando te pos a escribir, a inventar historias, a artellalas… estás a “crer na bondade da literatura para que medren os soños dos seus numerosos lectores e lectoras”, como figura escrito por aí, ou máis ben como un feito de normalización da nosa literatura nestas idades para o fomento lectura posterior?
– AA: Cando me poño a escribir son absolutamente egoísta. Non penso no potencial lector. Unha historia nace na miña cabeza, medra cando me dispoño a escribila, desenvólvoa e morre cando se publica. Non volvo lela nunca máis, agás de xeito excepcional. Logo comparto o meu mundo creativo poñéndoo a disposición do goce ou da crítica do lector. Ante todo escribo como necesidade persoal de crear mundos paralelos á realidade cotiá para sobrevivir no caos. Se hai alguén, cativo ou adulto, que desexa inmiscirse no meu caos, e se a miña realidade paralela trala lectura dalgún dos meus libros intervén na súa propia, será pola súa forma de descodificar o que eu conto, non porque eu teña unha pretensión directa de influír nel ou nela. O contacto directo cos lectores sempre é gratificante polo que supón de intercambio de impresións, pois moitas veces coas súas lecturas encontras submundos dos que non foras consciente, e o feito de que che amosen os erros e os acertos resulta sempre enriquecedor.
– NG: Que vén a ser máis importante para ti nunha obra literaria, a procura do goce persoal do lector ou da lectora ou máis ben o didactismo que esta historia forneza? Claro que se combinamos os dous aspectos…
– AA: Creo que o primeiro obxectivo dunha obra literaria, ou de calquera obra creativa que se teña coma tal, debería ser procurar no lector que se faga preguntas, que o antes e o despois de pasar por ela supoña un cambio, que experimente unha sensación que lle invite a cuestionar referentes e referencias. Eu entendo o goce nese senso. En calquera caso, unha obra literaria debería esta illada do didactismo, tanto máis canto máis cativo é o receptor, que carece recursos para interpretar as claves do que se lle amosa. (…)”