Casas literarias: Ernesto Guerra Da Cal

casa-guerra-da-cal-quirogaDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Ernesto Guerra da Cal naceu en Ferrol o 19 de decembro de 1911, no segundo andar do número 142 da Rúa Sagasta, hoxe Da Igrexa. (…)
Aínda que Guerra da Cal veu ao mundo na cidade ilustrada, o seu berce vivencial e formativo, a súa raiceira autorial foi outra: o val de Quiroga, nas terras surlucenses lindeiras coa ourensanía.
Celia Díaz Núñez, citando palabras do escritor, ten explicado nun traballo elaborado cando este aínda estaba entre nós ese inequívoco sentimento de pertenza:
Quiroga é para Guerra da Cal un “jardim interior que eu venho com amor cultivando, dia a dia, durante as últimas quase sete décadas, à roda do mundo”, é tamén un “Vergeul de Consolação” no que “reside o âmago mais intocado da minha mais sacra identidade”. É o “Edem da infância que levo no meu coração e nas entranhas da alma como a custódia leva a hóstia”, un “Refúgio mental, jardim de lembranças sossegado”, o seu “Paraiso interior inexpugnável às investidas e dissabores da vida”, pois é o “Paraíso infantil da memória”. Quiroga, en definitiva, forma a “Paisagem da lembrança, humana, urbana e natural que eu levo entesourada nas camadas mais fundas da alma”.
Guerra da CalCasa-da-Tabacaleira foi vivir a Quiroga sendo aínda naipelo, pois seu pai morreu cando el contaba sete meses e súa nai decidiu regresar preto de seus proxenitores, que moraban na vila luguesa. De primeiras residiu, brevemente, na casa que un seu tío avó materno tiña na Praza Maior, a chamada Casa da Tabacaleira, construída en 1898. Ben pronto marchou para outra vivenda da fronte oposta da mesma praza. No andar de baixo deste novo inmoble estudou o futuro escritor as primeiras letras con Santiago Prol Blas, tío seu, membro da RAG e celebrado rosaliólogo que residía coa súa familia no primeiro andar. Nesa mesma casa naceu, anos máis tarde, o poeta, narrador e ensaísta Eduardo Moreiras.
Mais a casa de referencia do universo literario quirogués de Guerra da Cal é o inmoble ao que se trasladou en 1914, sito na esquina da Rúa Real coa Rúa do Camiño de San Martiño de Abaixo. No primeiro andar daquela ampla vivenda residiu ata os nove anos, cando, chamado pola nai que marchara a Madrid, foi para o barrio das Delicias. Guerra da Cal no se afixo alí, sufriu unha sorte de depresión e tivo que volver a Quiroga, onde permaneceu ata os once anos, idade á que volveu outra vez para Madrid. (…)
Tal día coma hoxe de 1994 deixounos en Lisboa. Vaian estas liñas en homenaxe ao poeta. (…)”