María Reimóndez: “Responderei ás preguntas do publico lector sobre a novela”

EntrevistaMaría Reimóndez de Carme Vidal a María Reimóndez en Sermos Galiza:
“A protagonista da nova novela de María Reimóndez é MK, unha cantante que antes foi Manimekalai, unha nena do Támil Nadu rural. Desde alí, a escritora responderá ás preguntas do público lector arredor do mundo de A música dos seres vivos, a terceira novela do “Ciclo dos elementos”. As preguntas deixaranse na súa páxina de facebook e a autora responderá a través de textos publicados en Sermos Galiza.
– Sermos Galiza (SG): A música dos seres vivos é a terceira novela do “Ciclo dos elementos” do que tamén forman parte Dende o conflitogañadora do Xerais 2014– e En vías de extinción. Que dimensión ten este proxecto literario?
– María Reimóndez (MR): É un proxecto literario amplo e orgánico que me obriga a estar en constante tensión e manter vivas todas as personaxes un período de tempo moi longo. É un desafío manter as súas voces, buscarlle a cada unha a estrutura correcta, ter conta das decisións que tomo en cada novela porque determinan o resto. Realmente é un exercicio moi complexo pero ao tempo moi divertido, gústanme os desafíos. Tamén creo que é unha posibilidade de tecer comunidade coas persoas que len, facelas partícipes dun espazo moito máis amplo e tamén facelas donas das historias porque elas mesmas poden elixir en que orde coñecer a estas personaxes, dende que ángulo, con quen están as súas complicidades e alianzas. Por exemplo, entre A música e En vías hai unha proximidade ata o punto de que cada novela dá claves do que pasa na outra e vemos por veces o mesmo momento, por exemplo cando se coñecen Gaia e MK, dende dúas ópticas diferentes. Aínda así cada novela é moi diferente das demais, o único que teñen en común é que se centran nunha personaxe concreta.
– SG: Un “ciclo” literario tan prolongado e con tal dimensión é singular en si mesma. Por que decidiu deseñar e afrontar un proxecto tan amplo?
– MR: Gústame este proceso de complicidade coas personaxes e as lectoras. Implica dar de min mesma un anaco grande e poñer a proba a miña capacidade como escritora. Mais tamén, como en todas as cousas que escribo, o que me levan son as personaxes, as arestas e as rupturas de silencios, a (re)creación de identidades posibles. Un ciclo tan longo dáme a posibilidade de explorar moitos aspectos dende ángulos moi diversos.
– SG: A música dos seres vivos relata a historia dunha cantante de moda, MK, nada nunha aldea de Tamil Nadu, que se relaciona con Gaia, personaxe que xa atoparamos En vías de extinción. Como se establece esa rede de personaxes que poboan o ciclo literario?
– MR: A dicir verdade todo comezou porque quería tratar a relación entre tres personaxes, Gaia, Aurora e Clara (haberá que ir remexer a En vías a ver se as atopades, todo comeza aí!) pero as súas historias comezaron a complicarse tanto que decidín que non podía facer unha única novela. Ao tempo, empezaron a aparecer personaxes “secundarias” que tiña a necesidade de explorar, como MK ou Saínza, a protagonista de Dende o conflito. Como comentaba, a todas estas novelas subxacen unha serie de acontecementos que só se entenderán cando o ciclo estea completo e para quen lea todas as novelas. A maneira de contalas é o que me interesa, rompendo a linealidade e facendo que sexan as lectoras quen compoñan os anacos ata revelar o que realmente aconteceu. (…)
– SG: En especial nos últimos títulos, vostede desenvolve un esforzo especial en dar a coñecer a súa obra e en difundir, coa rede como soporte privilexiado mais tamén coa súa presenza en actos, as súas novidades editoriais. Ten que ser ese un labor da propia autora?
– MR: Non creo en solucións de prescrición para este tipo de cuestións, creo que cada autora ten que atopar o espazo no que se sinta cómoda, simplemente. No meu caso concibo a escrita como participación nunha comunidade e polo tanto gústame compartir os espazos coas lectoras. As redes sociais permiten isto pero tamén, máis importante aínda no presencial, o feito de pertencer a un sistema literario coma o galego é fundamental. Aquí esa comunidade, definida pola lingua, é moito máis próxima e por moito que esta proximidade se demonice a miúdo, tamén moito máis cómplice, o cal non quere dicir nin compracente nin acrítica. Cada vez me resulta máis difícil de aceptar a ladaíña de que “aquí se coñece todo o mundo e non se pode criticar nada”; sorpréndeme especialmente porque a) creo que somos moi duras/os con nós mesmas/os, moito máis ca en sistemas literarios hexemónicos; b) non creo na distancia como valor per se, creo que é un marco de pensamento totalmente patriarcal en liña coas obsoletas ideas de “obxectividade” e “”neutralidade”. Para min, simplemente, a proximidade é un valor, só hai que traballar dende a honestidade. Dende ese marco, se ben é certo que non ter un sistema movido en exclusiva polo comercial implica unhas dificultades claras (por exemplo en canto a pretender vivir do que unha escribe), a nivel político dános (ou daríanos se nos concentrásemos máis niso e menos noutras cousas) moita maior liberdade para crear o noso canon dun xeito menos hexemónico e máis compartido. Aí cada quen toma a súa postura, hai quen segue indo pola vía prescritiva de dicir que obras hai que escribir, que obras hai que ler, que obras hai que crear, e outras que preferimos ir pola vía do traballo mutuo con quen le e coa lectura social dos textos, para min moito máis vizosa e necesaria sobre todo en tempos de desafección literaria. No meu caso, pois, entendo o meu papel como autora como parte desa comunidade, eu contribúo a ela cos meus textos e a presenza na medida das miñas posibilidades (que ás veces non son moitas, dado que non só traballa en precario quen le senón moitas das persoas que escribimos, moitas delas autónomas coma min). Dito isto, as autoras podemos elixir posición, pero creo que das institucións hai que esixir certos mínimos, dende a defensa e respecto pola lingua, a promoción do libro e a lectura, e xa non digamos a remuneración dos traballos que se fan, o respecto aos traballos creativos que non poden facerse gratis et amore para as institucións so argumentos de “irnos promocionar”, como parece ser moda ultimamente, máis co tema da crise. (…)”