Entrevista a Xosé Daniel Costas Currás na revista dixital Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a poesia?
– Xosé Daniel Costas Currás (XDCC): Para min a poesía é o xeito literario de expresar a miña creatividade. Non penso no poema como nun texto pechado, senón que escribo historias que rematan sendo poemas. Polo tanto pretenden contar vidas, amosar o meu redor coa forza e a vida coa que me gusta vivir.
– P: Como entendes o processo de criação artística e literária?
– XDCC: Non teño procesos fixos, gústame experimentar con todas as posibilidades. Errar facendo un poema, que non saia do xeito que tiñas pensado, é a mellor forma de aprender escribindo. Cando es capaz de escoitar o que escribes e tes motivación para cambialo, tes ganas de seguir acomodando esas palabras noutras formas, de refacer poemas e seguir traballando neles, estás xerando a primeira e mellor motivación da escrita. Eu escribo cando teño algo que contar, así que xeralmente comezo a traballar en ideas que xorden das lecturas, do cine, do teatro, da pintura, da música. Escribir é a forma de relacionarme co mundo que me rodea. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– XDCC: Penso que a literatura debe transcender os espazos literarios, as tertulias. Os recitais deberan cambiar de límites e facelos espectáculo, sempre tendo en conta que o espectáculo debe ter carga literaria, afastarse da idea de espectáculo sen contido. Pódese xogar coa poesía e coa literatura, pero é o poema e o texto o que ao final ten que predominar e sobresaír no camiño que escollemos para comunicar.
Nestes últimos anos levo participado con asiduidade nas Hostias en verso, combates poéticos entre poetas, onde preferiblemente ocupamos bares, baretos, institutos e toda clase de espazos onde nos deixen recitar. O mellor é compartir sen dúbida poesía con Lucía Aldao, María Lado, Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón….(…)”