Desde a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Lérez, 22 de novembro de 2006
Querida Mª Victoria:
No momento en que che escribo, o ceo derrámase tamborilando músicas de aniversario sobre o meu tellado e as campás de San Benitiño tanxen melancolías. En Pontevedra volve haber hoxe un orballo enfermo da túa ausencia.
Como pasa o tempo! Lembras?, vai alá xusto un ano dende que mudaches en bolboreta branca de ás abertas e comezaches a atravesar os océanos do mundo descubrindo a cor dos ceos que se reflicten no espello das súas augas.
Dou por feito que, convertida xa en reflexo de estrela, andarás moi atarefada acendendo a lúa con eses teus ollos sempre abertos, aproveitando cada segundo de luz na procura desa palabra de nácara coa que sempre quixeches pintar o planeta de paz e liberdade, mentres agardas novos amenceres de pan fresco, de andoriñas tolas e luces febles. Ben sei do que che gusta a vida cando se axita en gozo ao abrir o día, desa túa teima con durmir pouco e soñar moito. Soñaches, acórdaste?, Mar adiante nunha noite.
Imaxino que andarás a facer novos poetas dos teus novos “cachorros”, a incendiar as súas entrañas co pouso máxico da túa sensibilidade, asemade que saborean o teu delicioso Pan con chocolate e beben auga de manancial en fino vaso de cristal tallado.
Pero… e ti? Como van as túas cousas? Ben sei que nunca tiveches por gloria a conquista dos escaparates, mais… que vimbios estás a tecer neste intre?
Non andarás a cociñarlles un deses persoais e gorentosos pratos aos teus admirados profesores: Rafael Lapesa e Dámaso Alonso?
Do que estou certa, fagas o que fagas, é de que seguirás fiel ao teu compromiso con esta terra e esta fala, mesmo aínda que che volvan retirar o pasaporte. Por certo, que guapa estabas naquela fotografía, eh!
Ti, que sempre fuches intelixente e teimuda con ofrecer unha prosa fermosa na que estean presentes a ética e a estética, o lirismo e a tenrura, a ironía, non mo vas negar a estas alturas, tamén fuches rebelde, insolente e altiva ás veces, mais nobre e xenerosa ata a medula, namorada do amor cal adolescente.
Ti, poeta de alma limpa, que andas a argallar neste intre? Non me veñas coma sempre, con que non tes tempo, con que aínda que a Literatura sexa moi importante para ti, aínda o son máis as persoas: a familia, os teus “cachorros”, como lles dicías aos alumnos… Non lles dedicaches a eles todo o que fixeches ata agora? Non é momento xa de pensares en ti? Ou vas seguir escribindo sempre a contrarreloxo, só cando o teu vaso reborda, facendo de cada libro un testamento vital?
En fin, negácheste a cumprir máis novembros, pero as túas palabras son semente.
Bendito o legado útil que nos deixas, e bendita ti.
Ben sabes que te quero, e ben sei que che gusta que cho diga. Así, pois, quérote.
Co meu afecto e admiración, recibe unha aperta forte coma o teu amor a Galicia, a quen —roubando as túas propias palabras— nunca lle puxeches os cornos.
P. D.
Hoxe, na Biblioteca Pública de Pontevedra van ler fragmentos desas palabras que ti cosiches con fíos de seda. Vaiche gustar, así que fai o favor de pintar o ollo e poñer o máis bonito dos teus sombreiros para escoitalas.”