Casas literarias: Ramón Piñeiro

casa-ramon-piñeiroDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O ano 1990 foi nefasto para as nosas letras. Marcharon Ricardo Carballo Calero, Xosé María Díaz Castro, Xosé Conde, Manuel Lueiro Rey e Ramón Piñeiro.
Xa vai alá un cuarto de século e parece que foi onte. Aquel vinte e sete de agosto, tras ser hospitalizado, rematou os seus días na vivenda de Xelmírez 4º o autor de Olladas no futuro. Foise no mesmo lugar no que sentou cátedra durante corenta anos, unha universidade paralela e clandestina que dirixía dende aquela atalaia que gobernaba os tellados de Compostela, como moi ben describiu o seu amigo Víctor Fernández Freixanes:
A galería dá á rúa de Xelmírez e pódese ver a rúa Nova ata o cine Principal, os tellados vellos de Compostela, unha tenda de ceras na esquina que semella estar pechada sempre, coma morta, os campanarios (outra vez os campanarios, escuros, gobernados aquí polas altas torres da catedral, que queda un pouco á dereita). Axiña vén a noite polo mes de Santos. Chove a cachón, chove de abaixo pra riba, de riba pra abaixo, e a auga anda xa nas entrañas das cousas, escorregando entre as laxes de pedra, xurrando polas costas e esvaíndo as imaxes. Cando estiña, os cascarolos nocturnos saen dos seus currunchos e van coma fatos de carneiros calados polos granitos.
A vivenda que avista a Rúa Nova, propiedade da familia García-Sabell, converteuse naqueles anos escuros no epicentro do galeguismo interior, unha sorte de sancta sanctorum ao que cumpría peregrinar para parlamentar co singular apóstolo. O seu xenuíno altar acabouno constituíndo unha vella mesa braseiro. Nela ideáronse moitas das estratexias de supervivencia e proxección da cultura galega dese tempo e tamén alí foron escritas miles de cartas e a obra maior do autor de Láncara. (…)”