Desde Sermos Galiza:
“O lobo guerrilleiro foi o romance que achegou de maneira singular a Bento da Cruz ao panorama literario galego cunha obra coa que gañaría o Premio Diário de Notícias en 1991 e Edicións Xerais publicaría, na normativa galega, dous anos despois, en adaptación de Moncha Fuentes. Na novela, o escritor e médico nado na aldea de Peirezes, Montalegre, construía un relato arredor da figura de André Lobo, fillo de labregos natural do Barroso que se convertería nunha das máis coñecidas obras arredor da guerrilla antifranquista que se moveu nese territorio ás dúas beiras arraianas. Na Raia Seca, lindando co Couto Mixto, o espazo literario de Bento da Cruz era tamén o ámbito de actuación dun movemento guerrilleiro que el tornou motivo da súa escrita.
De grande suceso en Portugal, a obra de Bento da Cruz pasaría tamén a formar parte da literatura creada arredor do golpe do 36 e a posterior represión. A relación de Bento da Cruz coa Galiza tería outro punto de relevo ao gañar en 1999 o Prémio Eixo Atlântico de Narrativa Galega e Portuguesa. De 2005 é a súa obra Guerrilheiros Antifranquistas em Trás-os Montes, na que, entre outros relatos, recolle o tráxico episodio de represión do Cambedo. En 2011, a Asociación Arraianos nomeouno Arraiano Maior, a terceira persoa en acadar o premio despois de Méndez Ferrín e Padre Francisco. (…)”