Uxía Casal: “Quen me dera a min ser a mestra do desacougo!”

EntrevistaUxía Casal de Carlos Loureiro a Uxía Casal en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Probaches literariamente co relato, tanto en literatura infantil e xuvenil coma para idades máis adultas… Un cambio moi salientábel á hora de escribir relatos dependendo da idade dos lectores, non?
– Uxía Casal (UC): Así é, pero non tanto. Explícome: cando se escribe para nenos unha é máis e menos libre; máis libre en canto que a fantasía pode incluso desbordarse -sempre que o relato sexa verosímil no xogo que propós- e menos en cuestións instrumentais; non se debe manexar unha sintaxe complexa, a variedade ou complicación léxica cómpre introducila con coidado e a acción ten que adecuarse ao público lector que, inevitablemente, descoñece moitas cousas. Escribir para adultos permíteche unha maior liberdade expresiva, non tes que parar a pensar se isto ou aquilo se comprenderá ben, porque dás por feito que os coñecementos dun adulto están por riba dos dun neno, así que tiras para adiante sen freo, aínda que logo corrixas e intentes mellorar o xa escrito. Á fin de contas non deixa de ser o mesmo: escribir. O mellor que saibas.
– NG: Sen embargo é moi posíbel que para unha escritora abondo identificada coa ficción escribir narrativa curta sexa máis gratificante ca narrativa longa…
– UC: Digamos que hai a mesma diferenza ca entre correr cen metros e tres mil. As dúas carreiras son gratificantes, mais os dispositivos e aptitudes son diferentes. Na narrativa curta necesítase unha precisión lingüística moito máis afinada que na narrativa longa; na primeira podes e debes ser máis impresionista, pois non veñen a conto descricións longas e detalladas; tes que crear un mundo ou un anaco de mundo sen entrar en moitas fonduras e para iso tes que escoller moi ben as palabras que empregas para que o resultado se comprenda e transmitas do mellor xeito posible o que pretendes. A narrativa longa pide descricións e diálogos nos que te podes espraiar, entras en detalles ás veces miúdos que adquiren unha importancia decisiva para entender mellor o personaxe e a acción e, sobre todo, leva moitísimo máis tempo… (…)
– NG: A voz feminina está moi presente na túa obra, así coma tamén a realidade social na que a muller se ve mergullada… isto non deixa de ser unha reivindicación feminista, non?
– UC: Pode verse así, aínda que non é algo consciente pola miña parte. Claro que resulta inevitable que semelle feminista se eu son feminista. Xa dixen antes que nestes relatos parto de realidades máis ou menos cotiás que agochan unha sorpresa e no mundo feminino, por sorte ou por desgraza, hai moitas sorpresas. Ademais, ao ser eu muller na época que vivimos e coa miña traxectoria, é imposible que non se reflictan parte dos meus pensamentos, do meu xeito de ver a vida… Non é algo buscado conscientemente, repito, pero sospeito que era inevitable.
– NG: E falando do anterior, pode unha autora, ou autor, permanecer allea, ou alleo, á hora de escribir ao seu pensamento, á súa realidade como persoa?
– UC: Non, é evidente. A escrita é unha faceta dun ser humano concreto e desde o momento en que escolles un tema, un personaxe, unha historia, xa estás amosando algo do teu pensamento e do teu xeito de ser e de estar no mundo, e iso ocorre incluso se pretendes plasmar algo por completo alleo a ti. A ficción non sae da nada, é o resultado de todo o que viviu, leu e procesou quen escribe; pretender ser unha escritora sen achegar nada de ti mesma paréceme imposible. (…)”