Antonio Reigosa: “Os rapaces non coñecen a mitoloxía propia e si a allea, practicamente idéntica”

EntrevistaAntonio Reigosa a Antonio Reigosa en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): As xeracións máis novas, coñecen se cadra mellor a mitoloxía nórdica ou a fantasía novelada que a tradición popular…
– Antonio Reigosa (AR): As fontes de transmisión cultural cambiaron radicalmente nos últimos 50 anos, e nos últimos 25, moito máis. Está internet, o cine, as series, os xogos? Os rapaces están en conexión con multiculturas. A base da cultura é a mesma en toda Europa. Aquí non se transmitiu desde a universidade, a televisión e radio públicas galegas. A triste conclusión é que, sendo practicamente idénticas, resulta descoñecida a mitoloxía propia e coñecida a allea.
– LO: Son entón os mitos galegos próximos aos nórdicos, os célticos, os anglosaxóns…?
– AR: E franceses, italianos, mediterráneos, beira-atlánticos, etcétera. Toda Europa bebe das antigas culturas do Mediterráneo, das clásicas grega e romana, dos pobos indoeuropeos que constantemente estaban en movemento, e os condicionantes xeográficos. Na ribeira atlántica está o Finisterre, a fin do mundo.
– LO: Cal é a característica diferenciadora de Galicia?
– AR: A xeográfica é básica. Pensar que estabamos na fin do mundo, no final da vida? O camiño de Santiago non deixa de ser iso, o camino ao máis alá. Esa posición é unha singularidad que probablemente explique por que aquí ten tanto arraigo a mitoloxía ao redor da morte. Outra é a forma de ocupación do territorio. O territorio tiña unha ocupación humana, cousa que non se daba en Castela, onde se concentra a xente en núcleos grandes pero hai unha cantidade de territorio grande sen ocupación permanente humana. Por un lado está o pensamento racional, pragmático, o resolver a supervivencia e economía, e por outro o trascendente. Fomos capaces de converter o noso territorio nun de fantasía, porque tiña que dar satisfacción á necesidade vital de saber en que contexto cosmolóxico nos encontramos.
– LO: A nosa tradición narrativa oral galega é pesimista?
– AR: Non. Aparentemente, darlle tanta importancia ao tema da morte parece pesimista. Ao contrario. É incluir a morte dentro da vida. De feito, a cantidade de narracións que hai relacionadas coas ánimas e o outro mundo que teñen un ton humorístico é inmensa. (…)”