An Alfaya: “O suicidio é, na miña novela, unha saída para fuxir dunha realidade opresora”

EntrevistaAn Alfaya a An Alfaya en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Que é Muros de aire?
– An Alfaya (AA): Unha novela formada por un mosaico de personaxes unidos pola dor, un sentimento de illamento do mundo e unha necesidade de fuxida da realidade na que están inmersos.
– LVG: ¿É o suicidio esa fuxida?
– AA: Na meirande parte das situación si, pero tamén hai algún xogo perverso no que, movido por unha situación persoal, algún personaxe fai unha especie de xogo coa morte, no sentido de que chega ao suicidio para vencer á morte. Pero na maior parte dos personaxes é unha necesidade de fuxir dunha realidade opresora, puntual e nalgúns casos que pode estar relacionada con algún tipo de problema mental, pero non necesariamente. (…)
– LVG: -¿É equiparable ese destino perverso do que vostede fala coa traxedia grega?
– AA: O ser humano e cíclico, previsible porque sempre estamos a darlle voltas aos mesmos temas. A especie humana é absolutamente repetitiva; non aprendemos. Si evolucionamos nos aspectos técnicos, pero no primordial e no esencial seguímonos a mover polas mesmas paixóns, dúbidas e seguemos a ter ese instinto de conservación e autodestrución, esa pelexa entre o ben e o mal que nos fai duais, contraditorios. É así dende o principio dos séculos e penso que tamén no futuro será igual. A novela tamén fala do autodestrutivos que podemos chegar a ser, e egoístas, porque na novela se fala de que hai suicidas que queren arrastrar con eles a alguén e chegan á criminalidade, é un xeito de adornar a propia autodestrución deixando rastro ao levar a terceiros. (…)”