Casas literarias: Celestino Fernández de la Vega

casa-cilistroDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Celestino Fernández de la Vega, Cilistro para os amigos, é un claro exemplo de intelectual no que o contexto natalicio, o espazo e paisanaxe infantes e xuvenís, acaban por conformar un xenuíno modo de ser.
Cilistro naceu en Friol, o 23 de setembro de 1914. A vila luguesa, próxima á Lucus Augusti de selo romano, é toda ela unha landa de antigos señoríos, con pazos e torres medievais que gobernan un territorio de casas fortes e vellos feudos cunha tradición que resoa na historia e nas lendas.
A paisaxe daquelas terras é dunha beleza incontestable. Prados largacíos e correntes fluviais que fixeron do fillo de don Higinio, xuíz e notario da localidade, un neno singular.
A casa de nacenza de Cilistro —e dos seus sete irmáns— foi o Pazo da Torre, unha vivenda onde estivo apenas os anos puerís, pois sendo mozote trasladouse a un outro lar cabo do Campo da Feira, vivenda, esta si, na que pasou a mocidade intelectivamente consciente e, polo mesmo, onde se preconfigurou o pensador e ensaísta que logo foi.
De rapaz, ao Cilistro tiráballe a natación e o fútbol. O seu era arrebolarse ao río e vadialo mergullado de lado a lado, submersión na que era, seica, un auténtico campión. Por descontado, tamén o balompé que daquela comezaba a causar furor, pois mesmo fican testemuños gráficos dos tempos da Preguerra nos que figura na aliñación do Sport Club de Friol. (…)”