Berta Dávila: “A literatura infantil e xuvenil que lin de pequena e que continúo a ler de grande, por exemplo, forneceu o meu universo literario actual”

EntrevistaBerta Dávila de Carlos Loureiro a Berta Dávila en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Berta, ti que escribes poesía e narrativa, con cal dos dous xéneros te sentes máis escritora? E preguntamos isto porque se observamos os grandes premios en poesía e en narrativa en galego, a presenza de pluma feminina nos de narrativa é case testemuñal, algo contrario aos de poesía…
– Berta Dávila (BD): Dixen algunha vez que non creo demasiado nesa visión parcelada dos autores que traballamos varios xéneros literarios distintos. Eu sería unha narradora distinta se non escribise poesía tamén. Non me sinto máis nin menos escritora cun xénero que con outro porque o meu traballo é escribir, e non depende de min o que ocorre despois cos libros nin o tratamento que se lles dá, enténdase isto último entre aspas. En calquera caso, non estou moi de acordo con que a presenza feminina na narrativa sexa testemuñal, alomenos así formulado, e, en calquera caso, non creo que sexa responsabilidade das autoras. Nas últimos dez edicións, seis autoras gañaron o Xerais, por exemplo. Os últimos premios de poesía resoltos este outono, foron acadados por homes. O que si é testemuñal é a presenza das mulleres na edición. Se cadra cómpre darlle voltas a isto último. (…)
– NG: Que supuxeron os medios de comunicación que incluíron o galego para aquela vosa xeración á hora da normalización do idioma?
– BD: A oportunidade de medrar rodeada de produtos destinados á infancia na lingua propia, non só os medios de comunicación, foi valiosa, sobre todo no caso da literatura ou a música. A literatura infantil e xuvenil que lin de pequena e que continúo a ler de grande, por exemplo, forneceu o meu universo literario actual. (…)
– NG: Ultimamente estamos a observar na nosa narrativa unha deslocalización espacial abandonando abondo o espazo galego (A diagonal dos tolos, Máscaras rotas para Sebastian Nell… e ti tamén te sumas con esta túa última obra). A que cres que se deba esa deslocalización espacial -que por outra banda tampouco é algo que diminúa a calidade literaria-?
– BD: Creo que é normal que un escritor galego, como outro escritor doutro lugar do mundo, se interese por calquera asunto e calquera lugar. Non entendo que sexa normal que unha narradora francesa escriba sobre África e que non o sexa que unha narradora compostelana o faga sobre Dakota. Prometo que non foi unha elección que queira dicir ningunha outra cousa. Creo que falo moito sobre este país cando falo de Faith. (…)
– NG: Narrar en primeira persoa non resulta máis difícil que o emprego da terceira persoa, dun narrador “culpábel” da historia?
– BD: Non o creo. O que resulta complexo, ao meu ver, é achar unha voz narrativa acaída para cada proxecto, atopar o ton e mantelo durante toda a novela. (…)”