O sábado 17 de outubro, ás 12:00 horas, na Biblioteca e Arquivo de Galicia, terá lugar unha nova sesión do Ciclo Nexos, organizado pola Cidade da Cultura de Galicia, coa colaboración do Instituto Camões e a Rede Internacional de Universidades Lectoras, co título A literatura portuguesa despois da revista Orpheu, que propón unha viaxe ao último século da literatura portuguesa, con parada en dous nomes aplaudidos pola crítica e por varias xeracións de lectores. O programa é o seguinte:
– 12:00 h. | Relatorios: Antonio Cardiello, doutor en filosofía, investigador, editor e consultor da Casa Fernando Pessoa, mostraranos o nacemento e acollida da revista Orpheu; Rosa Maria Martelo, profesora da Facultade de Letras da Universidade do Porto, investigadora, ensaísta e poeta, achegaranos ao universo creativo e vital de Herberto Helder; Lídia Jorge, un dos nomes máis relevantes da prosa portuguesa (condecorada en Portugal coa Gran Cruz da Orde do Infante Don Henrique e en Francia como Dama das Artes e das Letras) falará da súa escrita e das súas lecturas; finalmente Carlos Quiroga, profesor de literaturas lusófonas da Universidade de Santiago de Compostela lerá, nos intersticios, textos da revista Orpheu, de Herberto Helder e de Lídia Jorge.
– 13:30 h. | Proxección da curtametraxe: As deambulações do mensageiro alado (12’). Rareza audiovisual realizada en 1969 por Edgar Gonsalves Preto. Un anxo deambula por Lisboa cando encontra nun café a Herberto Helder con A colher na boca, iniciando así unha parodia do poeta e dos seus títulos de máis sona.
A reserva para poder acudir ao acto pode realizarse aquí.”