Cuestionario Proust: Ana Cibeira

Desde Ana Cibeirao blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ana Cibeira:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A curiosidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A xenerosidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Afecto e comprensión. Fallamos moitas veces e saber perdoar é o que mantén unha amizade duradeira.
4.– A súa principal eiva?
-Impaciencia, e actuar por impulso.
5.– A súa ocupación favorita?
-Fabular no día a día, non podo vivir sen maxia no cotián.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Lendo e escribindo cos meus arredor.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder ás miñas persoas favoritas, ás elexidas ou ás que por sorte me tocaron por familia.
8.– Que lle gustaría ser?
-Bailarina.
9.– En que país desexaría vivir?
-Galicia, Galiza, chámalle x.
10.– A súa cor favorita?
-Amarelo e tamén o vermello con brilliños verdes.
11.– A flor que máis lle gusta?
-A Orquídea, a mimosa, a flor da cerdeira, a rosa…, moitas, moitas.
12.– O paxaro que prefire?
-Un papagaio pequeno.
13.– A súa devoción na prosa?
-Marguerite Duras.
14.– E na poesía?
-Un cóctel feito con Emma Pedreira, Sylvia Plath, Ana Cristina Cesar e Joyce Mansour.
15. – Un libro?
-A edición crítica de Maria Tatar dos Contos de fadas.
16.– Un heroe de ficción?
-Orlando.
17.– Unha heroína?
-Orlando.
18.– A súa música favorita?
-Moita de varios tipos, pero se teño que quedar cun manifesto vital: o hardcore de Minor Threat e Fugazi; e o punk de Bikini Kill e Huggy Bear.
19.– Na pintura?
-Os cadros abstractos de miña nai, Alcira Vázquez Tato; a pintura sobre vídeo de Pipilotti Rist. E o resto das miñas artistas favoritas recólleas case todas a galería virtual femalepersuasion.net.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-As persoas valentes que tentan cambiar o mundo cada día traballando dende a utopía, para facela real.
21.– O seu nome favorito?
-Alcira.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Ese cotián de pasar por riba dos demais para conseguir sona, cartos…, custe o que custe.
23.– O que máis odia?
-Silenciamento.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Todos estes que forman unha soa cabeza e que se adican ao hábito que non soporto citado anteriormente.
25.– Un feito militar que admire?
-O das Vivian Girls. Para buscar cales foron, ir ao grande cadro-novela de Henry Darger The Realms of Unreal. Militar real ningún ;) interésanme os da historia de Galicia.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-O da comunicación.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-De morte natural, velliña e ben despedida.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Entusiasmo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os que teñen que ver coa vida dura que un ou unha levou.
30.– Un lema na súa vida?
-De portas para dentro da casa: “Stay gold Ponyboy”, é dicir, mantente ilusionada como de noviña. E de portas para fóra: “Date un pracerciño ao día e non te compares cos demais”.”