O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), organiza a primeira excursión en autobús da Ruta Costa do Solpor para o sábado 17 de outubro de 2015.
Trátase dunha ruta turístico-literaria de un día que percorre os escenarios naturais da novela Costa do Solpor (finalista Premio Xerais 2011 e Premio da Crítica Galicia 2014 de Creación Literaria) de Xosé Mª Lema, na súa maior parte de grande interese paisaxístico, tal como se describen na sección O Territorio do/a Escritor/a da web da AELG, concretamente aquí. Visitaremos, entre outros lugares de interese: as ruínas do pazo de Boallo; litoral fisterrán, coa visión dos “espidos peitos da muller enfesta” e da “montaña Vermella”, o porto de Fisterra e o castelo de San Carlos; a casa natal do Crego Sabio; litoral muxián: cabo de Touriñán e punta da Buitra, praia da Arnela, monte Cachelmo e a furna da Buserana; a vila maldita de infausto nome; litoral camariñán: cabo Vilán, a “Area Escorredía”, o Penal do Veo e a Serra das Penas Rubias; Valverde; os Coídos Xemelgos de Santa Mariña do Tosto; os valados litorais de Camelle e o Museo de Man.
O guieiro será o propio autor da novela.
– Saída de Vimianzo ás 10 da mañá do 17 de outubro.
– Xantar no Restaurante O Pinar (Os Muños-Muxía), ás 14:30 horas.
– De volta en Vimianzo: sobre as 8 da tarde.
– Prezo por persoa: 25 € (inclúe transporte en autocar e xantar).
Por rigorosa orde de inscrición. Se houber máis solicitudes de inscrición que prazas disponibles, daráselles prioridade aos socios/as.
Para anotarse, contactar con semescom.info@gmail.com