Entrevista de Carlos Loureiro a María Solar en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): ”A literatura é a arte de escribir algo que se le dúas veces; o xornalismo, a de escribir algo que se le unha vez.” Se puideres vivir de calquera das dúas facetas, quedaríaste coa perpetuidade do escrito literario ou co fuxidío do xornalístico?
– María Solar (MS): A perpetuidade do literario eu creo que está, lamentablemente, un pouco esvaecida nos últimos anos. Cada vez ter un clásico é máis difícil e o mercado nútrese das novidades. En todo caso, o xornalismo é a miña vida, e a escrita a miña paixón. Pero todo son caras da mesma necesidade que é a da comunicación. Síntome comunicadora por natureza. Sexa na radio, na tele ou nos libros contamos historias, facémosllas chegar ás persoas. Eu presento sempre para alguén, non lle falo a unha cámara, fálolle a unha persoa que me escoita e me ve. Nos libros igual, escribo para quen me le. A diferenza é que nun son historias reais, e no outro, invéntome mundos propios.
– NG: Na actualidade da nosa literatura vemos que aquela máis dirixida cara lectoras e lectores de menor idade está a pasar por un momento realmente álxido… Por que a túa pluma se dedicou até agora a escribir para estes receptores?
– MS: Non sabería dar unha razón. Non son consciente de que a haxa. Simplemente a idade a quen me dirixo márcama a historia que quero contar. Pero ollo, calquera dos meus libros teñen un solo pero non un teito. Pódenos ler nenos pero tamén maiores, para iso traballo con niveis de lectura, de xeito que o adulto profundiza máis nalgunhas claves que os nenos pasan por riba. E realmente creo nesa literatura “para todos os públicos” como o cine. (…)
– NG: Por que xogares coa mestura do absurdo e o onírico para chegares a un mundo infantil-xuvenil? Ah, e poderíase definir esta novela [O meu pesadelo favorito] como “obra infantil de humor absurdo”, tal e como apareceu por aí?
– MS: A novela é unha historia de humor absurdo e moito máis. Ten reflexión, ten critica social, fala das persoas diferentes, de que te fagan sentir raro, da perda dun ser querido… e de mil cousas máis, e está envolta no humor e tamén no absurdo como pilar creativo.
– NG: Dende logo que ás veces a realidade supera á ficción, como se soe dicir, pero é difícil encontrarmos literatura infantil-xuvenil sen o recurso do marabilloso, da ficción, non?
– MS: En O meu pesadelo favorito tiña claro que quería ter dous planos narrativos un, nunha realidade absurda (porque ás veces non hai nada máis absurdo e irreal que a realidade), e o outro no mundo dos soños e a febre, que me permitía crear os seres máis fantasiosos como Dinorrinco, Hipodrilo, O doutor Ensaio, O extraterrestre ZZC5, o bar das mentiras ou a propia Alicia que serve de ponte de unión entre mundos, e aínda que está presente en toda a historia só aparece cara o final. Eu divertinme facendo ese xogo entre o posible e o imposible. (…)”