Entrevista a Ledicia Costas na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): A novela [Escarlatina. A cociñeira defunta] trata o tema da morte, mais con humor e combinándoo coa cociña. Que tal mesturan?
– Ledicia Costas (LC): En Galicia temos unha tradición importantísima tanto arredor do mundo da morte como arredor da cociña. A miña intención era xuntar ambos os dous elementos e sempre dende o humor, o humor macabro. Ao principio parecíame unha obra arriscada, nunca tes moi claro se vas conseguir conquistar o público ou non. Pero o tema emocionoume e sempre procuro esa premisa: escribir sobre cousas que a min me emocionen para conseguir emocionar os demais. Se o consegues, é fabuloso.
– RAG: E que é o que máis a emociona cando coñece nos centros de ensino e nas librarías os seus lectores e lectoras?
– LC: O realmente emocionante durante todo o pasado curso, no que visitei máis de cen centros de ensino, foi chegar a unha biblioteca e atopar mesas cheas de larpeiradas “É fantástico crear unha comunidade lectora, contaxiar a rapazada para que no futuro siga sendo lectora na nosa lingua” que a rapazada elaborara a partir das receitas do libro. Con el creouse un dobre entusiasmo: primeiro gastronómico e logo pola obra. Iso é fantástico, crear unha comunidade lectora, e contaxialos para que os rapaces e rapazas sigan no futuro sendo lectores na nosa lingua.
– RAG: Na nosa tradición e na nosa literatura, como dicía, está ben presente o tema da morte. Pero vostede tamén se confesa seguidora do cine de Tim Burton. A Escarlatina debuxada por Víctor Rivas para o libro lembra, de feito, algo á Noiva cadáver.
– LC: Si, aquí o primeiro referente que temos da morte é Castelao, Un ollo de vidro. E logo nesta obra hai moitos referentes infantís meus. Está, un pouco disfrazado, Miyazaki, que é xunto con Tim Burton o meu director de cine; están as series que eu mamei de pequena, como As bólas do dragón, está Roald Dahl… Está todo aí, o universo infantil que eu atopei e que quixen poñer nesta obras. (…)
– RAG: Vostede pertence a unha xeración que xa puido ler na infancia máis en galego, tanto obras propias como traducións. Que importancia tivo iso no seu caso?
– LC: Eu fun escolarizada en galego, con toda a normalidade. Fun unha rapaza que falaba castelán e que se pasou ao galego grazas a como se trataba o galego na escola e ás lecturas. Agora son escritora en lingua galega, e creo que todo iso llo debo a esa xeración que sentou as bases. (…)”