Entrevista a Mercedes Queixas na revista Palavra Comum

EntrevistaMercedes Queixas 3 a Mercedes Queixas na revista dixital Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Como entendes o processo de criação artística e literária?
– Mercedes Queixas (MQ): No meu caso conviven dous procesos moi dispares, mesmo antagónicos até tal punto que non me resulta doado explicalos.
A respecto da escrita ensaística, este responde sempre a un proceso planificado, moi calculado desde a xénese e cun horizonte final a nivel editorial moi próximo. Neste caso, o esforzo creativo céntrase no proceso de lectura e investigación, na arquitectura do texto, na selección dos contidos e na procura dun enfoque expresivo o máis persoal posíbel.
Pola contra, a escrita máis persoal é moito máis convulsa, emocional, impulsiva e, ás veces, irracional. Non é procurada intencionadamente, tamén non é pautada, pois xorde a partir da necesidade de procurar axuda para pór en palabras o desequilibrio exterior que non me permite o acougo interior. Esta escrita é a terapéutica, a catalizadora dun presente de bárbara inxustiza social que non son quen de asumir e, ao tempo, a que me reta a descubrir os meus límites nos marcos osixenantes da palabra.
Desde hai moito tempo teño gravadas as palabras de Uxío Novoneyra: De tanto calar xa falo eu solo. Esta escrita íntima é o diálogo necesario para verbalizar as palabras-espiña, aquilo que bole dentro de min en sensacións e impulsos que, en ficando no interior, acababan por me atragoaren.
A escrita en min non naceu como algo procurado, intencionado, senón como unha proposta externa, un convite, mais si podo afirmar que co tempo foi medrando como unha trampa aditiva ou unha necesidade orgánica e así descúbrome, ás veces, mergullada nunha evasión que me leva a tomar notas en calquera soporte ao xeito (unha servilleta de papel, unha libreta do bolso ou na axenda do móbil…) e en calquera lugar.
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– MQ: Se partimos da base de que temos unha materia prima creativa completa, ancha e moi diversa, como acredito firmemente, acho que do que estamos preocupantemente carentes é de vías de presenza pública, de visibilidade que a coloquen ao alcance da sociedade para poder decidir, en igualdade de oportunidades e desde a liberdade, su gosta, interesa ou partilla.
A sociedade está a percibir multitude de estímulos, tantos que é imposíbel a súa asimilación con sentido crítico e reflexivo. Mais, no entanto, non se inclúen de xeito preferente ou, cando menos, en igualdade de condicións, os elementos culturais galegos, nomeadamente os escritores e as escritoras como referentes.
Coñécese antes calquera figura mediocre e incluso tóxica para a formación do individuo –e, por extensión, da sociedade- que unha referente da escrita, da música, da ciencia, das artes plásticas, do teatro, etc.. Cultívase o valor da simple aparencia física predeterminada por un canon homoxéneo do que a capacidade intelectual; reforzase o valor do acceso ao carto rápido antes do que a cultura do esforzo e traballo progresivo cara á cultura do coñecemento. E todo isto con fortes investimentos económicos para inventar un determinado mercado superficial e carente de principios firmes que consoliden os valores imprescindíbeis para un modelo social xusto e equilibrado.
Que a infancia e a mocidade soñe con ser futbolista ou modelo moi maioritariamente non me parece o mellor termostato da boa saúde social. Que porcentaxe da cidadanía soubo –e foi quen de o valorar- que o eminente científico galego Ángel Carracedo acaba de recibir o Premio Nacional polo seu determinante labor desenvolto ao redor da investigación xenética? Quen foi Mª Josefa Wonenburger?
Que nivel de difusión social teñen a nivel galego todos os chamados Premios Nacionais de Literatura que concede o Ministerio de Cultura español? Infelizmente, moi mínimo, mais por que ha de sabelo a sociedade e aínda valoralo se non aparecen nos medios, día si e día tamén?
Que presenza ten a programación cultural galega nas radios, nas televisión, na internet, no cinema, no teatro, nos foros públicos, na prensa impresa e dixital, nas revistas? Porque xa sabemos que non se valora o que non se coñece.
Estamos moi faltas de escaparates nas librarías, de ferramentas atraentes on line, de mercadotecnia que faga chegar o libro suxerente para formar o novo lectorado e para mantelo nas seguintes franxas etáreas. Precisamos gañar espazos de socialización desde o libro e a lectura. (…)
– P: Fala-nos da tua experiência na Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Que caminhos achas sugestivos para a entidade de cara ao futuro?
– MQ: Este tempo de pertenza ao consello directivo da AELG ten sido moi esixente, mais só podo cualificalo como unha experiencia de xestión e organización altamente positiva e moi enriquecedora humana e profesionalmente, ora desde a solvencia e xenerosidade dos diferentes compañeiros e compañeiras do consello directivo ora desde a base asociativa á que vin crecer de xeito imparábel coa incorporación progresiva das novas xeracións, un estímulo sempre alentador.
Coido que debe ser valorado o esforzo que desde a AELG se fixo nos últimos dez anos para se converter nun referencial axente mediador entre as escritoras e escritores que optan polo galego como lingua de creación e expresión e a sociedade, así como a súa capacidade para abrir campos de traballo (como a Sección de Literatura Oral), estabelecer pontes á procura de espazos e foros, propios e alleos, que contribuísen a visibilizar e pór en valor a figura e obra das autoras contemporáneas, procurando gañar presenza pública para a súa palabra, a súa creación literaria e o seu pensamento. A este obxectivo vertebrador pertence boa parte do investimento económico e humano volcado na web (www.aelg.gal) ao longo destes últimos dez anos en que formo parte da directiva. A cantidade e calidade dos contidos deste inmenso centro de documentación virtual entendo que é un servizo útil e imprescindíbel que a sociedade galega precisa e merece. (…)”