Os Paseos polo Vigo Literario. Outono de 2015, que terán lugar do 17 de outubro de 2015 ao 7 de novembro de 2015, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben indicar a cal/es paseo/s irán), a partir do día 10 de outubro (inclusive) dende ás 10:00 e até se esgotaren as prazas (50 por paseo). Inscrición por orde de chegada do correo.
Todos os paseos con saída ás 11:30 h.
24 de outubro
Paseo O Vigo portuario dos libros de Fran Alonso, con Fran Alonso.
Con saída na Rúa García Borbón (ao pé das escaleiras que soben a Alfonso XIII).
Tomando como punto de partida a rúa García Barbón e rematando no barrio de San Francisco, exploraremos o Vigo portuario da man de Fran Alonso, guiados polos personaxes e localizacións dos seus libros, tanto de narrativa como de poesía. O percorrido guiaranos polos escenarios, reais e literarios, que conectan á cidade coa ría e co atlántico, nese microespazo tan singular que define o perfil dunha cidade que naceu e medrou grazas ao mar e á actividade económica que se desenvolveu a partir del. Será un cóctel de cidade, vida e literatura aprehendida cos ollos dalgúns personaxes como a Señora Lola, que traballa facendo tortillas para os obreiros logo de cruzar a ría a diario.
7 de Novembro
Paseo Memoria, política e cidade. O Vigo de Cabalos e Lobos, con Fran P. Lorenzo.
Con saída na Rúa Privada Moderna.
Recórdao ti e recórdallelo aos outros… Esa obriga, expresada nun verso do poema 1936 de Luis Cernuda, é a que alenta o percorrido titulado Memoria, política e cidade. O Vigo de Cabalos e lobos. O roteiro ten no seu epicentro o edificio de Gran Vía nº 2, auténtico protagonista da novela Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Premio Blanco Amor 2014. A visita, que atravesa os lugares desa ficción pero que tamén pretende dialogar coa magoada memoria da cidade e dos seus espazos perdidos, partirá da Privada Moderna, unha singular rúa, moi preto do Calvario, no vello límite do concello de Vigo e Lavadores. Desde aí, en menos de dez minutos, e cun alto previo no muro de Vía Norte, chegarémonos a Gran Vía nº 2, o fogar da familia Beckmann, os protagonistas de Cabalos e lobos, cabo da cicatriz invisíbel do Scalextric. O arquitecto dese edificio, Francisco Castro Represas, e a súa obra racionalista serán tamén algúns dos fitos deste paseo que atravesa por entre vellos cafés que non existen xa, refuxios antiaéreos, teatros pantasma, cinematógrafos, polas rúas Urzaiz, con parada no vello Derby, a entrada de Príncipe, Colón, Cine Fraga, a vella redacción do Faro de Vigo, Policarpo Sanz (Cable Inglés, Café Colón), Casa Sanchón, a Porta do Sol no horizonte, o Teatro García Barbón, o Teatro Rosalía, Marqués de Valladares, a Alameda (Editorial Galaxia) e As Avenidas, cabo do Bar Comercio, o Navy Bar de Manuel Antonio. Alí fronte ao Náutico e ao pé da Estación Marítima, fronteira do alén, remata o roteiro de Cabalos e lobos. A duración aproximada do roteiro é de unha hora e corenta e cinco minutos.