Compostela: Viño e narrativa 1: Suso de Toro

Osuso-escribindo-300x225 venres 13 de novembro, ás 20:30 horas, no Espazo Enocultural Vide Vide (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10, baixo) de Santiago de Compostela, a A. C. O Galo comeza Viño e…, un ciclo con actividades que no momento da súa realización requiren da colaboración dos asistentes, quen ao remate de cada unha participarán gratuitamente nunha cata a cegas.
A primeira actividade será Viño e narrativa 1: Suso de Toro:
“Dando por sabidos os males do alcolismo e tamén os bens que o uso intelixente do alcol proporciona é evidente que hai un recendo a viño e augas ardentes na historia da literatura, un recendo que ás veces é mesmo un cheiro ben forte.
Non sei dicir se a literatura que publiquei ole moito a esas bebidas, teño a idea de que non lle falta ese recendo moitas veces bravo. E podo confesar que tamén me acompañou na escrita, vai unha fotografía tirada de Polaroid na que aquel autor no ano 1984, como indica unha folla de calendario, escribía o libro nunha máquina “Underwood” acompañado dunha garrafa de líquido transparente.
Canto aos personaxes dos libros, a miña imaxinación tirounos do que vin e ouvín, tireinos das casas, dos campos, das rúas e dos bares. Ao Nano tireino das dúceas de bares que pasaron pola miña vida e polos que pasei en vida deles. Non lembro ben se especifiquei nalgún momento o que bebía o Nano…”